Os perigos da contaminación atmosférica; como conxeniar as enerxías e o coidado da saúde

En 2023 cifráronse en máis de 8 millóns as mortes prematuras por exposición a contaminantes atmosféricos e cada ano falecen prematuramente en España 25.000 persoas por enfermidades asociadas á mala calidade do aire, segundo a Axencia Europea do Medio Ambiente.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/07/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A supervivencia da especie humana pasa pola mitigación do impacto do cambio climático nos nosos ecosistemas. Nun momento no que as enerxías renovables son máis necesarias que nunca, comunidades como a galega teñen unha oportunidade única para situarse á cabeza deste cambio de paradigma, apostando pola forza dos seus recursos: o vento e a auga; ou, o que é o mesmo, a enerxía eólica e a hidráulica. As enerxías fósiles aínda seguen a ser precisas, iso é unha realidade, pero cada vez estase logrando reducir máis a dependencia das mesmas. Xa non só se trata de protexer ao planeta, senón tamén de protexernos a nós mesmos, á nosa saúde. O cambio climático está a incidir directamente sobre ela: aparición de novas enfermidades, migración de axentes patóxenos, aumento dos problemas cardiorespiratorios, altas mortandades, impacto sobre a saúde mental... As consecuencias son numerosas.

Parque eólico de Naturgy en Galicia
Parque eólico de Naturgy en Galicia | Fonte: E.P. - Arquivo

Para a profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María Julia Melgar Riol, chegados a este punto, é innegable dicir que a contaminación do aire con substancias sólidas procedentes da queima de combustibles fósiles está a causar altas mortandades. Segundo apunta, "en 2023 cifráronse en máis de 8 millóns as mortes prematuras pola exposición a contaminantes atmosféricos". A isto súmase a afectación directa que sobre a saúde ten a suba das temperaturas como consecuencia do cambio climático. Como indica, "estase loitando dende a Conferencia de París do ano 2015 porque esa temperatura media global non sobrepase os 1,5 graos, tomando como referencia a temperatura da etapa preindustrial, mediados do século XIX", pero as cousas non pintan ben, pois "temos información de que xa en xaneiro do pasado ano 2023 se superou esa cifra, chegando aos 1,56 graos". Foi algo puntual, pero fixándonos no conxunto anual, xa non andamos moi lonxe deses 1,5 graos: "no 2023 estivemos ao redor dos 1,45 graos".

O de 2023 foi así o ano coa temperatura máis elevada a nivel global dende que hai rexistros, é dicir, dende o ano 1958. Antes desa data, como nos apunta a profesora Melgar Riol, "o período máis cálido fóra o verán do 2003". Naquel verán sufocante "o número de mortes sobrepasou a media dos últimos cinco anos para o conxunto de España, chegando aos 6.500 falecementos a consecuencia desa onda de calor estival". No conxunto de Europa, a cifra elevouse ás 70.000 mortes, tamén por enriba da media que viña sendo habitual nos cinco anos precedentes. "Son cifras verdadeiramente alarmantes", advirte a profesora, que asegura, sen lugar a dúbidas, que "esta elevación da temperatura vén ligada á emisión dunha serie de gases de efecto invernadoiro". Gases que se desprenden dos procesos de combustión para a obtención de enerxía fósil.

Dende a etapa preindustrial cara a actualidade, como apunta Melgar Riol, "eses gases foron aumentando na súa concentración, así como outros novos (óxidos de nitróxeno, óxidos de xofre, ozono...), o cal fixo que a capa filtrante da radiación solar (a coñecida como capa de ozono) aumentase desmesuradamente". Que acontece en consecuencia? "Que a radiación solar chega á Terra como o facía antes, porque iso é inimutable, pero que a que se devolve ao espazo xa é moi pouca, quedando atrapados a maioría deses gases baixo a capa de ozono, o que provoca a elevación da temperatura terrestre máis do ordinario, máis do que é preciso para a vida", indica, asegurando que, "afortunadamente, polo de agora a vida na Terra segue a ser viable, pero cada vez a media da temperatura increméntase máis do que se precisa".

ENFERMIDADES RESPIRATORIAS, AGRAVADAS POLO CAMBIO CLIMÁTICO, CUARTA CAUSA DE DEFUNCIÓN EN ESPAÑA

Contaminación ambiental e afectación á saúde
Contaminación ambiental e afectación á saúde | Fonte: Getty Images

A profesora expón algunhas cifras correspondentes ao ano 2023: segundo a Axencia Europea do Medio Ambiente cada ano falecen prematuramente 25.000 persoas en España por enfermidades agravadas pola mala calidade do aire, 238.000 a nivel Europa, causadas por partículas finas en suspensión que se xeran pola combustión de materias fósiles, especialmente en zonas urbanas; e un estudo publicado no 'British Medical Journal' apunta a que cada ano se producen uns 8,3 millóns de mortes prematuras a escala mundial a causa dos contaminantes atmosféricos, sobre todo ás partículas finas e ao ozono. Deste xeito, é evidente que un dos impactos máis importantes do cambio climático sobre a saúde é o incremento das enfermidades respiratorias.

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no primeiro semestre do ano 2022 as mortes vinculadas a patoloxías respiratorias aumentaron nun 24,6 %, situándose como a cuarta causa de defunción, por detrás das enfermidades do sistema circulatorio, os tumores e as enfermidades infecciosas, incluída a covid. En conclusión, unha vez que nos concienciamos sobre o que acontece, por responsabilidade, para a profesora "é preciso pór medidas para reducir a pegada de carbono (os gases de efecto invernadoiro) e poder mitigar os efectos negativos: dende o ámbito institucional, tanto a nivel mundial como de países, promovendo leis protectoras e orientando a educación medioambiental; dende o ámbito empresarial mellorando a tecnoloxía dos procesos; e dende o ámbito persoal, corrixindo hábitos consumistas, o que supón 'reducir, reciclar e reutilizar' residuos á hora de renovar vestiario, perseguir a última tecnoloxía, utilizar os medios de transporte... esixíndonos moderación no día a día".

A TRANSICIÓN ENERXÉTICA NON ESTÁ AVANZANDO EN GALICIA AO RITMO ESIXIDO PARA COMBATER A EMERXENCIA CLIMÁTICA

Nesa aposta pola redución dos gases de efecto invernadoiro xoga un papel fundamental a introdución das enerxías renovables. Con todo, e aínda que a súa presenza foi aumentando co paso do tempo, aínda se precisan máis esforzos, pois para o modelo económico actual non é viable unha produción de enerxía 100 % renovable, e segue a ser preciso contar con parte de xeración fósil. Segundo os resultados do último Balance enerxético de Galicia (2022), publicado polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a transición enerxética non está avanzando na comunidade ao ritmo esixido para combater a emerxencia climática. 

Segundo o INEGA, a porcentaxe de orixe renovable dos recursos enerxéticos (enerxía primaria) transformados en Galicia para obter electricidade, combustibles e calor caeu do 25 % ao 21 % entre o 2021 e o 2022. As causas principais foron o aumento da actividade da refinaría de petróleo da Coruña, o escaso aumento da potencia renovable e a sequía. Así as cousas, e como resalta a investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Rosa María Regueiro Ferreira, "en Galicia non existe ningún excedente real de enerxía renovable", pero si "unha importante dependencia da enerxía fósil". O informe concreta que practicamente o 80 % dos recursos enerxéticos empregados no 2022 foron de orixe fósil e chegaron sobre todo dende o sur global, Rusia e Estados Unidos. Os produtos petrolíferos lideran tanto o consumo interno (43 % do total) como as exportacións galegas de enerxía dispoñible para o consumo (68 %). 

NA XERACIÓN NETA DE ELECTRICIDADE EN GALICIA ACTUALMENTE O 65 % É RENOVABLE

Segundo apunta a investigadora Regueiro Ferreira, Galicia conta "cunha clara contribución a nivel renovable, pero aínda hai cuestións que corrixir". Así, lembra que os últimos datos publicados o mes pasado pola Xunta de Galicia expoñen que "fannos falta 11.411 xigawatios de potencia" e que "importamos máis do que temos". Esta é unha idea na que incide: "En enerxía primaria Galicia importa fundamentalmente gas natural e crudo de petróleo". Aínda que tamén é certo que é unha gran exportadora, pero de que? Regueiro afirma que "temos produción eólica, fotovoltaica e hidráulica". "Isto é importante telo en conta porque moitas veces automaticamente se di que Galicia exporta máis do que importa, porque nos sobra, e non é tan así, hai que saber o que exportamos e, en termos xerais, importamos máis do que temos", destaca.

Ademais, apunta a que "na xeración neta de electricidade o 65 % é renovable", polo que dende ese punto de vista "si podemos dicir que somos unha potencia renovable, hidráulica, eólica, de biomasa...". Esta cuestión tamén foi mudando co paso do tempo: "No 2005 as renovables tiñan unha participación do 37,9 % e agora están case no dobre, no 65,4%, en sintonía coa transición enerxética". Así, evidencia que "si vai mudando o sistema de produción de enerxía e materiais como o carbón, por exemplo, van desaparendo". Pero non acontece o mesmo co gas natural, pois "temos unha participación do gas natural que pasou do 3,2 % ao 26 %".

EMPRESAS COMO NATURGY MANTEÑEN UNHA APOSTA DECIDIDA POLAS RENOVABLES

Neste contexto, empresas como Naturgy, concienciadas coa problemática do cambio climático e cun Plan de Sustentabilidade sólido, están a facer apostas cada vez maiores pola implantación de enerxías renovables, con ese obxectivo de mudar as cousas. No 2022 Naturgy xerou preto de 2.700 GWh de enerxía renovable en Galicia grazas á súa potencia instalada eólica e hidráulica de 1.800 MW, o que equivale ao consumo eléctrico anual de case 800.000 fogares. Así, grazas a esta enerxía producida, logrouse desprazar o uso doutras fontes de xeración eléctrica convencional, contribuíndo a reducir en máis de 1,7 millóns as toneladas de emisións de gases contaminantes e de efecto invernadoiro ou a retirar 645.000 vehículos da circulación durante un ano.

Na actualidade Naturgy conta con 17 parques eólicos en funcionamento en Galicia, que no 2022 xeraron 1.128 GWh de enerxía renovable, e con 25 centrais hidráulicas, que produciron 1.550 GWh en 2022. O parque eólico que aportou unha maior produción, de 140 GWh, foi o de Pastoriza Rodeiro, posto en funcionamento a finais de 2019, de 48,5 MW de potencia e situado no termo da Pastoriza. A enerxía xerada no 2022 por este parque de recente construción equivale ao consumo eléctrico anual de máis de 40.000 fogares e evitou a emisión de máis de 80.000 toneladas de gases contaminantes e de efecto invernadoiro. 

Unha densa capa de contaminación no aire apenas deixa ver o tráfico nunha autoestrada
Unha densa capa de contaminación no aire apenas deixa ver o tráfico nunha autoestrada | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta