Morre o historiador Xusto Beramendi

Era un recoñecido especialista no estudo de nacionalismos, sobre todo, o galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2024 | Actualizada ás 10:07

Comparte esta noticia

O historiador galego Xusto Beramendi (1941-2024), quen consagrou a súa vida académica ao estudo das ideoloxías e o nacionalismo, faleceu este mércores. Diversas entidades como a Real Academia Galega (RAG) ou a Facultade de Xeografía e Historia mostraron, nesta mañá de mércores, o seu pesar pola súa morte. Nacido en Madrid en 1941, Xusto Beramendi cursou estudos de Enxeñaría Industrial e Tradución, ademais de ser doutor en Historia en Santiago e catedrático de Historia Contemporánea na USC, da que tamén foi vicerreitor entre 1990 e 1994.

Entre as súas obras atópanse estudos sobre as figuras de Vicente Risco, Manuel Murguía ou Alfredo Brañas, ademais do monumental ensaio 'De provincia a nación: Historia do galeguismo político'. Este último valeulle o Premio Nacional de Ensaio 2008. No ano 2012 xubilouse, aínda que non abandonou a actividade intelectual e foi presidente da xunta reitora do Museo do Pobo Galego, do que foi cofundador en 1976. Foi membro fundador da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco.

Publicou preto de 300 libros e artigos. Algúns exemplos da súa obra son: 'Miseria da Economía' (1974), con E. Fioravanti; 'Vicente Risco no nacionalismo galego' (1981); 'Galicia e a historiografía' (1993); 'A historia política: algúns conceptos básicos' (1999); 'A España dos nacionalismos e as autonomías' (2001); con J. L. Granja e P. Anguera; 'A transición en Galicia' (2007); 'A Galicia autónoma' (2007); así como participante en obras colectivas como '15-M: O pobo indignado' (2011); 'Á beira de Beiras. Homenaxe nacional' (2011) e 'Tempos chegados? Sobre o futuro político de Galiza' (2015).

Recibiu o Pedrón de Ouro (2008), o Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda (2009) e foille concedida a Medalla Castelao en 2017. En 2019, con motivo da entrega do Premio Fernández Latorre, reivindicou o "galeguismo esencial" do Museo do Pobo Galego que axudou a fundar, unha entidade que "non existiría sen a entrega desinteresada de moitas vontades privadas, nin podería subsistir sen o sostén duns poderes públicos que achegan máis da metade dos seus recursos". Puxo en valor a "independencia" desta institución co obxectivo de manterse "fiel" ao seu espírito fundacional.

Xusto Beramendi. RAG
Xusto Beramendi. RAG | Fonte: Europa Press

CAPELA ARDENTE NO MUSEO DO POBO GALEGO A PARTIR DAS 10 DO 4 DE XULLO

A partir das 10.00 horas deste xoves, día 4 de xullo, o Auditorio do Museo do Pobo Galego acollerá a capela ardente de Xusto Beramendi. A continuación, ás 13,00 horas, realizarase un acto cívico na súa honra. Tal e como lembrou o Museo do Pobo Galego nun comunicado, Xusto Beramendi foi un dos patróns fundadores desta institución, na que ocupou diversos cargos de responsabilidade ao longo da súa vida: como secretario (1976-1986), presidente da xunta reitora (2000-2011) e presidente do padroado desde 2011 ao 2022, ano no que anunciou o seu desexo de retirarse, relevándoo no cargo a actual presidenta, Concha Losada. No ano 2022, o Museo do Pobo Galego homenaxeouno coa publicación do libro 'Xusto Beramendi. Galego por elección', e no ano 2023 entregoulle a insignia de ouro da institución.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta