Rueda acusa ao BNG de manipular as protestas contra Altri: "Hai unha intencionalidade política clarisima"

Evita confirmar que recibirá a algúns colectivos tras vincular directamente as protestas contra os proxectos industrias ao nacionalismo galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/07/2024 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A masiva manifestación que este domingo concentrou a milleiros de persoas en San Caetano, sede da Xunta, para denunciar o proxecto de Altri en Palas de Rei, xa tivo a súa resposta por parte do presidente galego. "Respecto á xente que se manifestou pero había un gran contido político nela", respondeu Alfonso Rueda este luns ao ser preguntado ao respecto.

Miles de persoas protestan durante unha manifestación contra a empresa de celulosa Altri en Palas de Rei, Lugo,
Miles de persoas protestan durante unha manifestación contra a empresa de celulosa Altri en Palas de Rei, Lugo, | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

O máximo mandatario galego vinculou directamente ao BNG con esta protesta e acusou a esta formación política de manipulala. "Non digo que non houbera xente de boa fe pero hai unha intencionalidade política clarisima", dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Por iso, Rueda é reacio a recibir aos colectivos afectados aos que vincula directamente co Bloque. "Eses colectivos tiñan tintes políticos moi importantes", indicou ao tempo que suliiñou que "teñen canles abertas para recibir información" do proxecto.

COLETIVOS "NACIONALISTAS"

Con todo, e cuestionado por se cre que a Plataforma Ulloa Viva ou os e as mariscadoras ou bateiros da Arousa son do BNG, o presidente galego matizou un pouco as súas afirmacións iniciais e destacou que "todos os colectivos saben que poden ter interlocución coa Xunta". "E espero que sexan reunión útiles", apuntou. "Non creo que o decisivo sexa que vaian ou non a ter unha reunión comigo", dixo Rueda despois de reiterar en que a "intencionalidade política" que aprecia detrás destas plataformas "non lle fai ningún favor" ao procedemento administrativo sobre estes proxectos, que "ten que ser obxectivo".

O presidente galego amosouse moi molesto co BNG ao que acusa de querer facer na rúa o que non é quen e facer no goberno por non recibir apoio nas eleccións. Así, lembrou que este partido "tivo un longo silencio" sobre Altri antes dos comicios galegos e, tras non poder gobernar, "queren tumbar este proxecto e outro estratéxico", dixo en alusión á mina de San Rafael en Touro-O Pino. Así, dixo que se o resultado das eleccións de febreiro "fose outro" e o BNG, nestes momentos, atopásese á fronte da Xunta "sería un proxecto estrela que estarían a impulsar". "

"Non queren industria. E están prexudicando a Galicia usando moito contido ideolóxico", asegurou Rueda que acusou aos nacionalistas de facer "oposición sistemática porque están cómodos neste papel de oposición". Por iso, e tras a masiva protesta deste domingo, volveu pedir "confianza" nestes proxectos e lembrou que o seu goberno actúa sempre con "avaliacións técnicas".

O PSDEG ACUSA Á XUNTA DE "ESCURANTISMO"

Pola súa banda, a secretaria de Organización adxunta do PSdeG, Ana Pena, criticou o "escurantismo" da Xunta sobre o proxecto que Altri expón para o municipio lucense de Palas de Rei e insistiu na necesidade de coñecer o impacto "ambiental, socioeconómico e laboral" desta iniciativa. A dirixente socialista pronunciouse deste xeito ao ser preguntada pola manifestación celebrada este domingo en Santiago de Compostela en contra deste proxecto industrial.

Tras sinalar que o PSdeG respecta, "como non pode ser doutro xeito", a liberdade de todos os cidadáns para manifestarse, Ana Pena volveu a sinalar que os socialistas consideran que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o PP deben facilitar todos os datos sobre un proxecto que aspira a fondos europeos.

"Trátase dun proxecto que ten un impacto importante para Galicia e necesitamos coñecer o impacto ambiental, económico e laboral ou cuestións tan fundamentais como a que se van a dedicar esas instalacións", afirmou. Por iso, preguntada sobre a postura da dirección do PSdeG respecto diso, considerou que o PP debe facilitar toda a información para que poidan ter un "posicionamento firme". "Non temos toda a información. Entendemos que os informes técnicos son fundamentais e non temos esa información", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Tino

Galicia confidencial xa se parece cada vez mais al planfleto Del pp subvencionado la voz antigallega

1 eX82

Estes non entenderon o resultado das Europeas. Os democratas de todala vida.... eran eles. Moita UPG seguen co tema, rematarán facendo a planta industrial eles... venderano como o mellor para GAliza. Heroes modernos, non sí Paco e Pilar.