A IGM lamenta a total eliminación da programación sobre memoria na Deputación de Pontevedra

A plataforma solicitou por rexistro unha entrevista co presidente, Luís López, para pedir a súa reactivación.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/07/2024 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

A Iniciativa Galega pola Memoria, que engloba a asociacións memorialistas e culturais de todo o país, vén de presentar no rexistro da Deputación de Pontevedra un escrito solicitando unha entrevista co presidente do organismo, Luís López, a fin de instalo a recuperar a programación sobre memoria que se viña realizando nos últimos anos e que ficou totalmente paralizada desde a súa chegada á presidencia.

Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra, ante a sede da institución provincial.. BEATRIZ CISCAR
Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra, ante a sede da institución provincial.. BEATRIZ CISCAR | Fonte: EUROPA PRESS

A plataforma lamenta que a celebración do seu primeiro aniversario como presidente non puidera incluír ningún balance nesta materia xa que, segundo o transmitido á opinión pública, as únicas actividades realizadas en doce meses foron sendas entrevistas coa Fundación Alexandre Bóveda e a Fundación Castelao, das que non transcendeu consecuencia ningunha, e a recente presentación dun libro de memorias dun fuxido, xa contratado polo goberno anterior. Malia que, tras a constitución do goberno provincial, no 2023, anunciouse a continuidade do departamento e fíxose público que o lideraría o deputado pontevedrés Rafael Domínguez, non trascenderon nin as súas liñas de traballo nin os resultados do labor desempeñado neste período polo funcionariado adscrito.

A IGM agarda que, no que resta de mandato, a Deputación de Pontevedra recupere as liñas de traballo que a converteran "nunha referencia na loita polo dereito á verdade, á xustiza e á reparación que consagra o dereito internacional", e que no período anterior se viñan realizando man a man "co movemento memorialista".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta