O Orgullo Galego: Os xardíns coruñeses de Méndez Núñez e as historias de persecución de homosexuais neles

En 1999 Jesús Pedreira foi apuñalado por un grupo de entre sete e dez adolescentes pola súa orientación sexual. Anos máis tarde, no 2010, Iago acabou co nariz e os dous brazos rotos por atoparse no lugar coa súa parella, onde o agrediu un grupo de entre 15 e 20 mozos.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 05/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os xardíns de Méndez Núñez son unha das xoias naturais coas que conta a cidade da Coruña. Un total de 3,4 hectáreas de natureza viva no centro da urbe cuxa orixe se remonta ao século XIX (1868). Son lugar de recreo e esparcemento diario para veciños e visitantes que atopan un pulmón dentro do axetreo diario. No seu interior atópanse diversos monumentos: a Curros Enríquez, a Daniel Carballo, a Valle Inclán, a Wenceslao Fernández Flórez, a Emilia Pardo Bazán, a Concepción Arenal, a Castelao, a Manuel Murguía, a Eduardo Pondal e mesmo a John Lennon, entre outras personalidades; e emblemáticos edificios modernistas como La Terraza (1922) ou o Quiosco Alfonso (1912). Pero o que moi pouca xente sabe é que estes emblemáticos xardíns foron usados como punto de encontro para manter relacións por parte de moitos homes homosexuais durante a época franquista.

Xardíns de Méndez Núñez na Coruña
Xardíns de Méndez Núñez na Coruña | Fonte: grupocoruna.com - Arquivo

A historiadora e activista trans Daniela Ferrández, autora da obra 'A desfunción dos sexos', explica ao Galicia Confidencial que a través do seu traballo con causas xudiciais instruídas durante o franquismo na cidade da Coruña por 'escándalo público', puido comprobar que "un dos principais delitos polos que se perseguía aos homosexuais era o 'cruising' (a práctica do sexo en lugares públicos tradicionalmente asociada a este colectivo) ou 'cancaneo' (o mesmo que o 'cruising', manter relacións sexuais en lugares públicos, pero cinguido ao campo da heterosexualidade)", tal e como detectou nalgúns expedientes que falaban de detencións dos homes que realizaban estas prácticas.

Deste xeito, se se continúa indagando neste lugar en décadas posteriores, "observamos que mantivo esta función inmoral ate o día de hoxe", afirma Ferrández, que explica que "durante todo o percorrido histórico podemos atopar cuestións que sería interesante rescatar". En concreto, pon o foco nos acontecementos que tiveron lugar a finais da década dos 90, "nos que grupos de mozos neonazis colleron por costume agredir ás parellas de homes gais que se xuntaban neste espazo". Pero isto non aconteceu só nos xardíns coruñeses, senón que tamén é unha práctica documentada na Alameda de Santiago de Compostela.

DO APUÑALAMENTO DE JESÚS PEDREIRA AO NARIZ E BRAZOS ROTOS DE IAGO

"Os colectivos da cidade, en especial Milhomes (disolto en xullo de 2005), organizáronse para respostar a esas agresións con vixilias nocturnas nas que animaban ás persoas a denunciar, tanto na policía como na prensa, e incluso chegaron a convocar unha gran manifestación cando unha das agresións resultou no apuñalamento dun home gai en 1999", lembra a investigadora. Un grupo de sete a dez mozos sobre os 20 anos, segundo o relato das vítimas, comezaron a increpar a dous homes que estaban nos xardíns pola súa condición sexual. Decidiron abandonar o lugar, pero o grupo de agresores llo impediu, comezando a golpealos despois de que un lles dixese que había 'moito marica' pola zona. Jesús Pedreira sufriu unha puñalada e, tras o xuízo e a falta de probas para identificar con exactitude aos autores, os únicos tres mozos acusados foron absoltos por falta de probas.

Reloxo floral nos xardíns de Méndez Núñez
Reloxo floral nos xardíns de Méndez Núñez | Fonte: Galipedia

Aquela non foi a única agresión denunciada aquel ano e os posteriores no lugar, pois a pesares de estar ás portas do século XXI tiñan que buscar intimidade nocturna nos xardíns para atoparse no que se coñecía como 'o patio'. Durante aquela época, varios grupos de adolescentes agredían aos que ían ao lugar. E non fai tanto tempo, no 2010, outra parella de homes foi agredida brutalmente nos xardíns por un grupo de entre 15 e 20 mozos, entre os que tamén había rapazas. Iago, un dos agredidos, quedou coa nariz e os dous brazos rotos. Foron increpados con frases como 'maricas de mierda' e 'esto con Franco no pasaba'. Dende o punto de vista da historiadora, "Méndez Núñez exemplifica moi ben como estas historias están soterradas nos nosos espazos públicos, e moi poucas veces son rescatadas e lembradas". 

"HAI INTERESE POR COÑECER UNHA PARTE DO PASADO QUE NOS FOI ROUBADA"

E é que tal e como recolle o informe 'Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia', publicado no ano 2023 polo Consello da Cultura Galega como resultado do Foro Identidades e Diversidades Sexuais 2002/2023, "detéctase nos últimos anos un interese por coñecer unha parte do pasado que nos foi roubada", o que fai agromar iniciativas centradas en recuperar estas memorias. Como exemplos, a investigadora cita proxectos como 'Facémonos Escoitar?', desenvolto polo Colectivo Agrocuir da Ulloa en colaboración coa Rede Museística Provincial de Lugo; ou as xornadas e o libro de 'Memoria Diversa', promovidos pola escritora Eva Mejuto".

Porén, Ferrández tamén recoñece que "aínda queda moito por facer para poñer en valor estas historias e memorias dun xeito transversal". "Non se trata simplemente de coñecer ás referentes que o colectivo tivo no pasado, senón de aprender das súas loitas e de valorar as súas pegadas como algo que forma parte da nosa construción como pobo", explica. Precisamente para isto, asegura que "o camiño aínda está por percorrer, e implica falarmos de currículos escolares, de lugares de memoria, de nomes de rúas e de promoción cultural dunha realidade que forma parte de todas, independentemente de se formamos parte ou non do colectivo LGBT+".

"A VIOLENCIA CONTRA A DISIDENCIA SEXUAL NON FOI INVENTADA POLA DITADURA"

A investigadora tamén manifesta que "a represión e a violencia contra a disidencia sexual non foi inventada pola ditadura franquista", porque "xa se expresou noutras partes da nosa historia". Pero concede que ben é certo que "a ditadura artellou un sistema de vixilancia, castigo e control das sexualidades 'desviadas' que operou no país do mesmo xeito que o fixo noutros lugares como Madrid ou Barcelona". Deste xeito, asegura que "os arquivos galegos fálannos de persoas represaliadas pola xustiza a causa da súa orientación sexual e identidade de xénero desde a mesma Guerra Civil, cando o industrial coruñés Emilio Cervigón Guerra foi apaleado e ameazado de morte por ser homosexual tras ser detido en 1937".

Pouco despois tamén cómpre destacar a historia de "Manolo Santiso, unha labrega detida por vestir de home e estar na taberna xogando ao dominó á vez que empregando un nome masculino". Segundo expón Ferrández, "as fontes xudiciais son moi ricas neste tipo de casos, e amosan unha panorámica na que as persoas non estaban seguras nin sequera dentro das catro paredes das súas casas". Como outro exemplo nomea á "parella de homes detida en Rianxo en 1954 por cohabitar e manter relacións, denunciados polos seus veciños". 

Máis testemuños históricos atópanse nos "dous homes detidos en Betanzos nos sesenta por ir collidos da man e posteriormente comezar a bicarse". "As persecucións estendéronse incluso despois da morte do ditador, xa que a lei de perigosidade e rehabilitación social estivo vixente ate finais de 1978, mentres que o delito de escándalo público mantívose no Código Penal ate 1988", indica a investigadora. Para poder avanzar cara a liberdade sexual tiveron que chegar as loitas sociais.

"ÁS PRIMEIRAS ORGANIZACIÓNS DÉBEMOSLLES A INTRODUCIÓN DESTA LOITA NA AXENDA POLÍTICA E SOCIAL"

As organizacións e movementos sociais, como evidencia Ferrández, "abriron o camiño que tentou pechar a ditadura con toda esa represión, control e discriminación". "Despois de tantas décadas de silencio, de censura en prensa, cine, literatura e todos os eidos aos que chegou, o feito de que as organizacións de liberación sexual falaran publicamente da súa condición e se manifestaran a prol de dereitos negados foi algo revolucionario", asegura a historiadora. O que lamenta é que "como o que non se nomea non existe, tanto silenciamento fixo preciso un traballo de pedagoxía social para derrubar os prexuízos que aínda persiste". Pero conclúe que "a estas primeiras organizacións debémoslles a introdución destas cuestións na axenda política e social, unha cuestión chave para acadarmos unha sociedade máis libre e igualitaria".

Fonte e estatua de Concepción Arenal nos xardíns de Méndez Núñez
Fonte e estatua de Concepción Arenal nos xardíns de Méndez Núñez | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta