Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/07/2024 | Actualizada ás 20:00
A Xunta deseñou un plan dotado con 123 millóns de euros, procedentes de fondos propios e europeos, para mellorar a sustentabilidade e competitividade do sector marisqueiro. A iniciativa foi presentada este mércores en Ames polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que incidiu en que, desta forma, a Xunta "cumpre coa palabra dada" ao sector no mes de febreiro.
Acompañado por representantes da Federación Galega de Confrarías, o conselleiro sinalou que o plan parte do "diálogo" co sector para dar resposta á baixada da produtividade nas rías como consecuencia das intensas choivas rexistradas no outono do pasado, que fixo que a mortaldade de moluscos alcanzase nalgúns bancos o 80%. Segundo recolle unha nota de prensa, o programa, financiado con recursos da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Agricultura, divídese en dous partes: por unha banda, 63 millóns enfocados a mellorar a "sustentabilidade" do marisqueo e, por outro, 60 para accións de rendibilidade.
O primeiro apartado inclúe medidas como a análise de solucións técnicas ante a caída de produción e o impacto do cambio climático, así como o desenvolvemento de iniciativas para a conservación e restauración de biodiversidade e os ecosistemas mariños ou a vixilancia dos bancos. A Xunta destaca outras actuacións nesta área, como a rexeneración dos bancos danados, actividades de formación, o "fortalecemento" da colaboración entre o sector e organismos científicos como Redemar ou Intecmar e a constitución da mesa do marisqueo, que estará integrada por persoal científico de centros de investigación mariña, técnicos de centros directivo e biólogos da consellería.
Para mellorar a competitividade do marisqueo galego, o plan contempla 60 millóns para executar accións orientadas á investigación na produción de semente ou mellorar a resiliencia das especies á baixa salinidade ou os cambios ambientais. Tamén promoverá a creación dunha plataforma de vendas ou o "fortalecemento" da colaboración con entidades asociativas, como os proxectos GALP, o plan de equipamentos portuarios ou convenios coas Federacións de Confrarías de Pescadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.