Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 07/07/2024 | Actualizada ás 12:52
A Consellería de Sanidade publicou no portal de contratos da Xunta a licitación, por 150.884 euros, dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra das novas áreas de cardioloxía intervencionista no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). As empresas interesadas terán de plaoz ata o 15 de xullo para presentar ofertas.
Segundo informa o Goberno galego, con este proxecto habilitaranse dúas salas na quinta planta do hospital ourensán con máis espazo para hemodinámica e coa creación dunha sala de electrofisioloxía, cuxa actividade se realiza, actualmente, en quirófano uns tres días por semana. Por tanto, coas novas áreas gañarase capacidade de programación cirúrxica. Ademais, a Xunta prevé que a demanda asistencial para a cardioloxía intervencionista continuará incrementándose "debido á lonxevidade da poboación e ao incremento das posibilidades diagnósticas e terapéuticas ofrecidas" polo Sergas.
Por iso, o número de procedementos na sala de hemodinámica de cardioloxía intervencionista do CHUO incrementouse ano a ano ata alcanzar os 1.191 procedementos en 2023. A obra suporá a ampliación de espazos e a renovación do hospital de día con 10 camas para preparación e recuperación de pacientes. A redacción do proxecto básico ten un prazo de execución dun mes desde a formalización do contrato e a do proxecto de execución, dous meses desde a aprobación do proxecto básico. A estes tres meses sumarase a propia realización das obras, cuxos tempos se concretarán no propio proxecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.