Por Xurxo Salgado | Compostela | 23/11/2015 | Actualizada ás 08:00
A Cidade da Cultura quere atraer ao público máis novo. Non é a primeira vez que os espazos do Gaiás albergan espectáculos destinados aos nenos, pero a Fundación Cidade da Cultura quere ir máis alá e iniciou xa os trámites para a realización da redacción do deseño, proxecto, subministración e instalación dunha área de lecer infantil figurativa nos espazos libres do complexo.
Esta área, que se dividirá en dous espazos, terá que ser acorde “coa arquitectura e singularidade da Cidade da Cultura” e, “dalgún xeito, diferentes e non convencionais”, segundo recolle o prego do proxecto ao que tivo acceso GC. Unha delas estará ubicada nos espazos públicos ao sur do complexo, deseñada e equipada con “elementos de carácter máis abstracto e xeométrico”. Esta parte xa xa foi licitada o seu deseño e construción e está pendente de ser construída.
A outra ocupará un espazo público ao norte (na área denominada Extensión Norte), que
”pretende ser de carácter figurativo a partir de un elemento ou forma de forte presenza
física e icónica”. Por iso, pensouse nunha obra de Urbano Lugrís como elemento chamativo e integrado nun espazo infantil. Deste xeito, o “elemento principal, definitorio e icónico” será a construción dunha balea ou monstro mariño de grandes dimensións.
Este xogo terá dúas pezas (cabeza e cola emerxentes do chan), “grande boca e de cola vertical e enroscada no seu tramo superior”. O obxectivo é “reinterpretar a abstracción surreal
da forma do monstro mariño” na liña das obras do recoñecido pintor Urbano Lugrís, que
conta con varios exemplos de estes animais.
Neste caso, a Cidade da Cultura toma como referencia o que aparece no cadro que se exhibe na Casa dos Pescadores na localidade de Malpica na provincia de A Coruña. De feito, no anexo do prego do concurso figura xa un croquis co debuxo dun monstro de aproximadamente dous metros de altura da cabeza e de doce-catorce metros de altura máxima da cola. “Trátase de alturasaaproximadas, pero a proposta do licitador debe respectar ese carácter monumental da intervención”, engade.
Ademais de figura icónica e de referencia visual desde a distancia, a balea debe servir de
soporte para xogos infantís. Así, “a cabeza pode utilizarse para trepar pola súa superficie exterior, albergar unha casa ou cova no seu interior, dar soporte a un tobogán, etc; a cola pode servir para o ancoraxe de columpios ou redes para trepar, etc”. No espazo de lecer deben incorporarse tamén outros elementos de xogo, comerciais ou de deseño específico
para este parque, autónomos e de pequeno tamaño que permitan ampliar o rango de idade no seu uso polos rapaces, así como o pavimento específico para soportar as actividades do lugar. O conxunto custará case 150.000 euros, sen IVE.
Esta área ubicarase na extensión norte, que prolonga por esta orientación o conxunto de espazos públicos e prazas que discorren e articulan a Cidade da Cultura de norte a sur. Ao norte dos edificios Museo e CINC, a continuación da actual praza con estanque, bancos e fonte para beber e subindo as escaleiras e rampa, disponse da citada plataforma sensiblemente horizontal pavimentada con baldosas ou lastras (adoquíns) de formigón que albergará, ademais do parque infantil, un conxunto de bancos e de árbores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.