Os Gaiteiros de Soutelo, a Panorama dos anos 20 nas festas de Galicia que chegou a conquistar América

Os Gaiteiros de Soutelo eran como a Panorama, todo un espectáculo a nivel de show e musical que percorre vilas de toda España causando auténtico furor entre o público. Entre uns e outros hai unha diferenza de máis de 100 anos. Dentro dunha formación sempre hai unha voz cantante, que no caso da Panorama é Lito Garrido e no caso dos Gaiterios de Soutelo era Avelino Cachafeiro,

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/02/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Sabedes quenes eran Os Gaiteiros de Soutelo? Sóavos o nome de Avelino Cachafeiro? Pois hoxe, dende o Galicia Confidencial, retomando unha conferencia que tivo lugar a pasada semana no Consello da Cultura Galega na que participou o investigador Rubén Troitiño, contámosvos quen eran estas figuras tan importantes para a memoria histórica de Galicia, polo seu legado e por marcar un antes e un despois na tradición musical da nosa terra. Para que vos fagades á idea, Os Gaiteiros de Soutelo eran o que a día de hoxe pode ser a Panorama, todo un espectáculo a nivel de show e musical que percorre vilas de toda España causando auténtico furor entre o público e deixando pegada por onde pasa. Só que entre os uns e os outros hai unha diferenza de máis de 100 anos. Pero, como adoita acontecer sempre, dentro dunha formación sempre hai unha voz cantante, que no caso da Panorama é Lito Garrido e no caso dos Gaiterios de Soutelo era Avelino Cachafeiro, proclamado na Praza da Quintana de Santiago, durante as festas do Apóstolo do ano 1924, o mellor gaiteiro de Galicia. Avelino era o director, compositor e alma do grupo; o seu irmán Castor tocaba a gaita; o seu irmán Bautista levaba a voz e a caixa; e o seu pai, Fermín, tocaba o bombo. 

Os Gaiteiros de Soutelo
Os Gaiteiros de Soutelo | Fonte: Wikipedia

Como relata Troitiño, Avelino Cachafeiro naceu o 26 de maio de 1899 en Soutelo de Montes, unha vila da parroquia da Madanela de Montes, pertencente ao concello de Forcarei. Tivo un total de 8 irmáns e foi con 4 deles que montou o cuarteto dos Gaiteiros de Soutelo. Este cuarteto comezou a actuar ao redor dos anos 20, cando estaba transcorrendo en Europa a Primeira Guerra Mundial; e rematou a súa traxectoria no 1936, xusto ao comezo da Guerra Civil Española. Os Cachafeiro xa viñan dunha familia de fondas raíces musicais, pois o avó tamén tocaba a gaita. A formación dos Gaiteiros de Soutelo, ademais da gaita, contaba tamén con frautín e con caixa e bombo. A percusión sempre ía detrás e tanto o frautín como a gaita ían diante. "Era unha formación novidosa", asegura Troitiño, pois "cando falamos de cuarteto tradicional, este non se corresponde". Pese a todo, "foi unha formación que gustou moito e, a partir do seu éxito, foise ampliando e chegando tamén a atoparse en quintetos e grupos máis grandes". Así, os Gaiteiros de Soutelo comezaron con frautín e caixa de música e foron evolucionando cara tocar dúas gaitas, tambor e bombo. Ademais, moitas veces levaban aos seus eventos unha parella de baile que amenizaba os temas.

Se houbese que falar de momentos clave na vida de Avelino Cachafeiro, cómpre destacar o ano de 1924. Nel recibiu o nomeamento de socio honorario como gaiteiro do coro galego da Sociedade Artística de Pontevedra. Pero, sen dúbida, o episodio máis importante foi o nomeamento o día 28 de xullo dese ano na Praza da Quintana de Santiago de Avelino como o mellor gaiteiro de Galicia. Troitiño expón algúns dos puntos máis curiosos que recollían as bases do concurso: podíase presentar calquera gaiteiro galego cun tamborileiro, ambos vestidos con traxes típicos; sería desbotado calquera gaiteiro que levase gaita de fol, porque antigamente, sobre todo na zona baixa de Galicia, no límite con Portugal, tocábase a gaita de barquín, poñíase debaixo do brazo o fol e non era preciso soprar para poder tocar; tampouco se permitían gaitas que levasen chaves para poder dar as notas máis agudas nin ronquidos máis agudos do 'do' grave do punteiro. En resumo, "a estes concursos había que levar o traxe típico galego e unha gaita o máis sinxela posible en 'do' como afinación aproximada", expón, o cal "tamén nos abre un abano a saber, máis ou menos, a entoación na que tocaban Os Gaiteiros de Soutelo". Así mesmo, tiñan que tocar unha obra obrigada, a 'Alborada de Veiga', e despois tamén se podían tocar outras pezas a maiores.

AVELINO CACHAFEIRO, 1929: "OS NOSOS CANTO DÁN MOITA ALEGRÍA ÁS FESTAS E, NOS INTERMEDIOS, BAIXAMOS DO PALCO E POÑÉMONOS BAILAR"

Tras iso, Os Gaiteiros de Soutelo actuaron por toda Galicia, tocando en moitísimos lugares nos anos vindeiros, dende a Praza da Peregrina de Pontevedra ata a Praza de María Pita na Coruña, como dan conta moitos recortes de prensa da época, nos que se fala tanto das actuacións como do espectáculo que facían alí por onde ían. "Nun momento da actuación deixaban o bombo a un lado e sacaban ás mozas bailar, cantaban e mesmo tocaban en palcos, facían paróns para descansar e logo volvían subir", conta Troitiño, que apunta a que "hai notas de prensa nas que mesmo se fala de que na zona de Vigo chegáronlle a facer un palco de buxo para telos ben altos e que a xente os escoitase ben". Sen embargo, chegou o ano 1928 e con el a morte, o día 27 de marzo, de Fermín Cachafeiro, o pai. Buscando un substituto para suplir a ausencia como bombeiro atoparon con Antonio Charrone, que aparece na prensa da época como Antonio Ferro. Troitiño lembra que nunha entrevista que lle fixeron a Avelino Cachafeiro na revista 'Vida Gallega' o 20 de setembro de 1929, dicía que "morto noso pai, levamos sempre un cantante ao que demos o bombo", xa que morto Fermín, buscaron non só a alguen que dese o talle levando o ritmo, senón a alguén que fose un paso máis aló, e Charrone pertencía á Sociedade Artística de Pontevedra e gozaba de coñecementos de canto.

Os Gaiteiros de Soutelo
Os Gaiteiros de Soutelo | Fonte: Tabeirós de Montes

Outra data importante na vida de Avelino Cachafeiro é o ano 1929, cando se casa con Josefa Cortizo, filla do secretario xeral de Forcarei, en Conxo. Hai recortes de prensa da época nos que se fala de que La Noiesa (mítico restaurante de Santiago que aínda opera na actualidade) lle serviu aos convidados un suculento banquete. Ademais de por ser o ano no que casou, tamén sería este o ano no que Os Gaiteiros de Soutelo gravaron o seu primeiro disco, "aínda que hai un baile de datas e non se sabe moi ben se foi nese ano ou no anterior, como pon na autobiografía de Avelino". Pero Troitiño decántase porque sería no 1929. Nese primeiro disco os temas interpretados están dedicados única e exclusivamente a Galicia, con pezas nada doadas de afrontar pola súa dificultade: a 'Alborada de Rosalía de Castro', 'La Alfonsina', a 'Muiñeira de Chantada'... Nunha entrevista que lle fixeron ese mesmo ano, Avelino di que "o meu irmán Castor é un bo barítono, nós os dous sabemos saír do paso, un de baixo e outro de tenor, e os nosos cantos dán moita alegría ás festas e, para que ninguén falte aos intermerdios, baixamos do palco e poñémonos bailar". Unha mostra máis de que non só eran músicos, senón que contaban con todo un show completo que incluía dende o canto ata o baile.

XIRA DE GRANDE ÉXITO POR AMÉRICA CON DOUS DECORADOS PINTADOS POR CAMILO DÍAZ POR RECOMENDACIÓN DIRECTA DE CASTELO

O éxito dos gaiteiros sobrepasou as fronteiras galegas e mesmo españolas. Falábase deles en moitas zonas de Latinoamérica coma dun auténtico espectáculo que non se debía perder se se tiña a oportunidade de velo. Foi así que, tras o éxito colleitado coa publicación do primeiro disco, Os Gaiteiros de Soutelo comezaron a súa xira por América, estreándose no Teatro Avenida de Bos Aires o 28 de novembro de 1929 e despedíndose do continente irmá o 29 de febreiro de 1930, no mesmo teatro, despois de dous anos de actuacións. Nesa xira contaban con dous decorados para as actuacións pintados por Camilo Díaz que poñían de fondo mentres tocaban. Nunha nova da época, como expón Troitiño, cóntase que "conseguiron que Camilo pintase eses decorados para eles por recomendación de Castelao, seguramente pola amizade que o rianxeiro tiña con Avelino, e tamén porque polo medio estaba metida a Deputación de Pontevedra, que quería ver canta xente había na emigración en América".

Dun dos decorados consérvase fotografía, do outro non. A que fixeron a Bos Aires, conta Troitiño, "foi unha viaxe bastante soada na época, sobre todo para a xente que estaba alí na emigración". Durante esa viaxe, publicáronse varios documentos en Arxentina nos que xa se anticipaba a súa chegada. Hai unha fotografía da época do cartel de debut no Teatro Avenida e tamén unha tomada con toda a comitiva que os agardou dándolle a benvida cun banquete. Tamén aparece outra nova da época da que xa non só se di que Castelao intercedeu para que Camilo Díaz lles fixese os decorados, senón que foi o propio Castelao o que os deseñou para que logo os executase Camilo Díaz. "Sexa como fose, o que si sabemos seguro é que Castelao estivo metido no medio desta trama de decorados", chancea Troitiño. Un deles partiría dunha fotografía de Joaquín Pintos de Samieira, en Poio, na que se ve a igrexa debuxada coa ría de fondo.

"OS DOUS MEMBROS QUE NON PERTENCÍAN Á FAMILIA CACHAFEIRO SEMELLAN SER OS ESQUECIDOS, PERO FORON OS QUE LLE DERON ENTIDADE AO CUARTETO"

No ano 1933, xa en Galicia, Os Gaiteiros de Soutelo teñen que afrontar unha nova perda, a de Bautista Cachafeiro. Neste caso, incorporan ao tambor a Francisco Vieites. Troitiño foi quen de poñerse en contacto co fillo deste home durante a pandemia para recadar un pouquiño de información, porque "os dous membros que non pertencían á familia Cachafeiro semella que son os membros esquecidos, pero realmente son os que lle deron entidade ao cuarteto". Díxolle que tiña unha gaita en Venezuela que fora dada por Avelino Cachafeiro ao seu pai e mandoulle unha fotografía da mesma, acordando con Troitiño que, unha vez a situación sanitaria mellorase, lla levaría en persoa a Soutelo, porque el quería volver a Galicia. "Foron pasando os meses e aquí comezamos a saír da pandemia, pero en Venezuela seguía todo moi mal, faltaba moito medicamento", lamenta Troitiño. Como vía as cousas negras, este home decidiu agasallalo coa gaita e miraron a maneira na que podía facerlla chegar a Galicia. Cando Troitiño a tivo nas súas mans quixo agradecerllo e xa non lle volveu respostar máis ás mensaxes. Soubo pola súa filla que morrera tras contaxiarse de covid. "Quedoume moitísima pena, porque a este señor facíalle ilusión ver a gaita de volta en Soutelo", lamenta.

Unha vez coa gaita nas mans, Troitiño non tivo dúbidas de que era a de Avelino, por un detalle que non lle pasou desapercibido: "A parte do ronco está serrada e na casa de Avelino había outra copa tamén serrada". Ademais, "a cor e o debuxo da madeira son practicamente idénticos, é dicir, o artesán que fixo isto foi o mesmo", polo que "podemos afirmar rotundamente que partes da gaita que enviou o señor de Venezuela pertencían á gaita que estaba aquí na casa de Avelino". Outra característica importante das gaitas de Avelino era que non tiñan un ronco galego, senón asturiano, en forma de pera, moi característicos. E é que "Avelino estivo traballando como ferreiro en Asturias durante un tempo e de seguro escoitou a sonoridade dalgunha gaita, gustoulle e decidiu probala", explica Troitiño. Así, rematou facendo uso durante as súas actuacións cos Gaiteiros de Soutelo dun híbrido entre gaita asturiana e gaita galega.

O ESTOURIDO DA GUERRA CIVIL PUXO FIN AOS GAITEIROS DE SOUTELO, PERO AVELINO ADEMAIS DE MÚSICO FOI EMPRESARIO, PINTOR, ESCULTOR E POETA

Xa chegada a Guerra Civil, no ano 1936, o cuarteto dos Gaiteiros de Soutelo desfíxose. Estaba chamado a tocar nas Olimpíadas Populares de Barcelona acompañando ao equipo de waterpolo de Marín, pero tivo lugar o estourido da guerra e non chegaron á cidade. Tiveron que dar volta para Galicia a través de Madrid e meténdose por Portugal ata chegar novamente a Soutelo. Troitiño puido atopar algunhas notas de prensa dos anos 1939 e 1941 nas que se fala dos Gaiteiros de Soutelo, pero "descoñezo se era o cuarteto de Avelino ou se os que tocaban eran familiares ou coñecidos". Sexa como fose, "o nome do cuarteto dos gaiteiros de Soutelo seguiu soando anos despois de que rematase oficialmente, nese ano de 1936", conclúe. Pero a figura de Avelino Cachafeiro como tal non debe limitarse á súa traxectoria musical, pois ademais de tocar a gaita, foi empresario, pintor, escultor e poeta. Tocou un pouco todos os paus: tivo un bar, cines, sala de festas e ata un surtidor de Campsa en Soutelo e unha funeraria. Como pintor, entre os seus cadros, destaca o seu autoretrato, que se pode ver no Museo de Pontevedra. Como poeta, o seu libro máis icónico foi 'Voando cas áas da vida', con portada de Lugrís e publicado no 1969. Tras enfermar de cancro, finou en Soutelo no 1972.

Os Gaiteiros de Soutelo
Os Gaiteiros de Soutelo | Fonte: Wikipedia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta