Alertan dos perigos da vaga de proxectos de minaría de litio na provincia de Ourense

Ecoloxistas en Acción denuncia a ilegalidade do permiso de investigación denominado Novo Cima para a extracción de litio nos concellos de Verín e de Vilardevós.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 09/07/2024 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

Ecoloxistas en Acción solicitou á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación que se arquive a tramitación do proxecto de labores “NUEVO CIMA”, nos concellos de Verín e de Vilardevós, na provincia de Ourense, en diante denominado o “Proxecto”, porque dúas das cuadrículas mineiras solicitadas atópanse dentro do territorio nacional da República portuguesa.

Ecoloxistas denuncian novas sondaxes na mina de litio Alberta I, situada entre as provincias de Pontevedra e Ourense
Ecoloxistas denuncian novas sondaxes na mina de litio Alberta I, situada entre as provincias de Pontevedra e Ourense | Fonte: Europa Press

Nun comunicado denuncia que todo o permiso se encontra na bacía do río Támega, curso fluvial internacional que flúe cara territorio portugués e desemboca no río Douro. "É evidente que calquera actuación que se realice sobre os cauces e ríos próximos á fronteira, pode ter un impacto considerable sobre a calidade e cantidade destas augas internacionais, así como do entorno protexido que comparten ambas nacións", indica.

Así, lembra que son varios os convenio internacionais, directivas europeas e normativas de diferente índole que obrigan nesta situación, tanto a consultar ó país veciño afectado, como a realizar unha avaliación de impacto ambiental global de ditas intervención a nivel transfronteirizo

A organización ecoloxista sinala que a mera tramitación da presente solicitude, sen excluir do perímetro solicitado os territorios portugueses afectados, representa unha "flagrante violación da soberanía e integridade territorial da República portuguesa, que debe motivar o seu arquivo".

"FALSEDADES" DE OMEGA REAL ESTATE

Ecoloxistas en Acción tamén denuncia a falta de capacidade técnica do promotor OMEGA REAL ESTATE, S.L.. Esta empresa foi constituída en 2018 co obxecto social de “Alquiler de bienes inmobiliarios por cuenta propia” e non consta ningunha experiencia mineira, máis alá da recente solicitude de diversos permisos de investigación mineira en varios puntos da fronteira hispano-portuguesa, con evidentes fins especulativos. Para a organización ecoloxista é manifestamente falsa a afirmación contida na memoria de que “OMEGA REAL ESTATE, S.L. foi creada para a exploración, investigación e explotación de xacimentos minerais.” Destacan que, de feito, a empresa foi incapaz de acreditar ningunha capacidade ou experiencia técnica na documentación presentada.

Para a organización ecoloxista a falta de concreción nas labores a realizar amosa o carácter especulativo do proxecto. "Non existe unha proposta ou programación para unha campaña de sondeos que permitan demostrar a existencia dun recurso mineiro racionalmente explotable", di.  Así, lembra que as grandes fontes de recursos da Comarca de Verín son a agrogandeiría, moi especialmente a viti-vinicultura asociada á marca de calidade do seu Consello Regulador, o turismo de natureza e asociado ao Camiño de Santiago, e as augas minerais, actividades todas elas incompatibles en boa medida coas explotacións mineiras.

Lembran que as aldeas de Feces de Cima e Mandín directamente afectados polo proxecto e algunhas próximas como Vilardecervos, a día de hoxe xa teñen moi comprometidos os recursos hídricos por mor da actividade mineira levada a cabo ata a década dos anos setenta do século pasado e da cal as consecuencias e afectación da calidade da auga persisten ata o día de hoxe. Por iso, Ecoloxistas en Acción alerta que calquera outra actividade mineira posta en marcha danará moito máis a calidade da auga e mesmo comprometerá a vida nalgunha destas aldeas pola falta de recursos hídricos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta