Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2024 | Actualizada ás 22:37
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, defendeu o reforzo de liñas de autobús durante o verán en zonas de praia, espazos natural ou con motivo de diferentes festas e concertos.
No pleno do Parlamento, Paulo Ríos (BNG) realizou unha interpelación na que denunciou "caos" no transporte por estrada a cargo da Xunta. A modo de exemplo, referiuse a casos de viaxeiros entre Pontevedra e Marín que din sentirse "tratados como gando" ao ter que viaxar de pé polo "colapso e aglomeración".
Tamén se referiu a casos nos que usuarios da liña Vigo-Ourense que contan con cartón metropolitano quedan sen poder viaxar porque tan só se poden reservar billetes co prezo estándar. Deste xeito, aqueles que queren facer uso da bonificación están obrigados a comprar a pasaxe a prezo normal "por medo a quedar sen praza".
Con todo, Calvo deu conta de diferentes reforzos que se pon en marcha este verán: Nigrán; Viveiro; Sanxenxo-Pontevedra; areais de Ferrol, Oleiros e Arteixo; parque acuático de Cerceda; piscinas de Monterrei, no Pereiro de Aguiar; así como Santiago-Fisterra, entre outros. Tamén se referiu a casos como a praia das Catedrais e eventos especiais como o Resurrection Fest ou o Festival de Ortigueira, ademais de horarios nocturnos en diferentes festas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.