Por Galicia Confidencial | A Mariña | 14/07/2024 | Actualizada ás 09:30
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Rural, ofrece o soporte técnico e financiamento necesario para a posta en marcha da Rapa das Bestas de Neipín. Equus Norte organiza esta actividade que nace o 20 de xullo na Pontenova co obxectivo de promover a actividade gandeira na Mariña e na Provincia de Lugo.
O deputado de Rural Daniel García presentou a cita xunto a Javier Veiga, presidente da entidade organizadora, Isabel Couto, tenente de Alcalde e o concelleiro José Luis Gutiérrez. A I Rapa da Pontenova súmase á axenda da comarca na que se inclúen eventos históricos como Candaoso, en Viveiro, ou Campo do Oso, en Mondoñedo.
García explicou o apoio de 18.000€ dende a área de Rural “para a posta en marcha desta cita á que desexamos unha longa vida. Por unha banda a achega permitirá a elaboración e instalación dun curro desmontable de 300m 2 que permitirá a celebración das actividades este ano e en futuras edicións. Tamén se colabora con outros gastos como a degustación gastronómica de carne de poldro de pura raza galega que se realizará o venres 19 de xullo da man de PURAGA nos locais de hostalaría da vila”.
Pola súa banda, Veiga sinalou a importancia deste evento que “achegamos ao público, xa que era unha iniciativa que levaba a cabo Alejandro Salvatierra de xeito particular e que agora ábrese a todo o pobo. Continuamos así dinamizando o concello da Pontenova, e agardamos o éxito xa nesta primeira cita, na que ademais agardamos un centenar de cabalos”. O organizador sinalou que traballan nun plan de tráfico e porán a disposición dos asistentes un aparcamento.
A Rapa comezará o sábado 20 de xullo ás 11:30 horas coa entrada das reses e marcaxe.
Posteriormente realizarase unha sesión vermú e as persoas que fagan a reserva previa poderán participar na comida. Xa pola tarde será a quenda de DJ Bombardero e un espectáculo de doma por parte do pontenovés Lombardero. O venres os locais de hostalería do concello celebrarán unha degustación.
Dende a área de Rural de Vicepresidencia dáse valor á Rapa das Bestas, unha tradición con moito arraigo en toda A Mariña, así como en Galicia, e que A Pontenova agora recupera para o goce da veciñanza e visitantes. É un ben que forma parte do noso patrimonio natural e cultural que se debe defender e promover como tal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.