Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/07/2024 | Actualizada ás 19:22
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse este mércores con representantes da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) para abordar vías de colaboración en favor da estabilidade do sector lácteo galego e analizar as dificultades do mesmo, "buscando solucións que favorezan a rendibilidade de toda a cadea de valor".
Segundo recollen nun comunicado, a conselleira insistiu na súa intención de alcanzar un compromiso para "manter os prezos do leite que perciben os produtores en valores estables". Ademais, tamén reiterou a importancia de que se reduza o diferencial do prezo do leite galego con respecto ao doutras comunidades autónomas. "Os gandeiros galegos non poden seguir na situación actual cun valor máis baixo do dos seus produtos, a pesar da súa excelente calidade e as súas condicións hixiénico-sanitarias", apuntou a conselleira.
Remarcan que esta reunión, despois da mantida este martes con representantes das principais cadeas de distribución que operan en Galicia, "busca avanzar na consecución dun obxectivo, o de conseguir un sector lácteo galego forte e á vangarda". Lembran, así mesmo, que Galicia produce actualmente o 42% do leite da vaca en España, cunha produción que continúa crecendo nos últimos anos, concretamente case un 5% no 2023 e case un 13% desde 2018.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.