GC Aberto

As Pontes, virá algunha empresa, ao final

Chegou o PSOE ao goberno municipal das Pontes prometendo a creación de 1.500 postos de traballo; mais nunha especie de burla ao anunciado, a realidade é que, nestes 17 anos de goberno PSOE, As Pontes baixou en máis de 1.500 as persoas afiliadas á Seguridade Social.

Por admin | As Pontes | 11/07/2024

Comparte esta noticia

Colectivo Bidán:

Vista da central térmica das Pontes
Vista da central térmica das Pontes | Fonte: Carlos Castro
Francisco da Silva Vello

Fernando Branco Parga 

No inicio do seu goberno, anunciouse a creación do Parque Tecnolóxico da Vilavella; o de poñerlle o cualificativo de “tecnolóxico” nunca tivo unha explicación, co paso do tempo, pola súa forma de actuar, podemos concluír que era só unha pose de imaxe, algo ao que agora xa estamos afeitos, realidades poucas e anuncios moitos; mais este anuncio non foi un acto neutro, tivo as súas consecuencias negativas, como foi impedir que a Xunta desenvolvera outra fase de Penapurreira.

Mais ese primeiro impulso para facer solo industrial (por moito que lle chamase “tecnolóxico”), foi frustrante para o PSOE, deberon pensar que supuña un gran esforzo e que podía non ter compensación electoral. Gastaron 2 millóns de euros na compra de terreos de parecelas inconexas entre elas, de feito non conseguiron unha mínima superficie para poder urbanizar e, definitivamente, abandonaron ás agochadas ese proxecto; nunca máis volveron falar del.

Dende aquela pasaron 17 anos e non fixeron un só metro cadrado de solo industrial, alí fican esquecidas as fincas compradas do seu “tecnolóxico” na Vilavella.

Superada xa a súa iniciativa industrializadora, dedicáronse a subvencionar todo o que fose preciso e sen importar o criterio de renda de quen recibía as axudas, encheron a vila de comedores colectivos, de feito debemos ser o pobo de todo o País como máis comedores; os resultados electorais, até de agora, fóronnos acompañando, atoparon a súa liña política triunfante: ademais de moitas subvencións, arranxar rúas e prazas, sobre todo no centro da Vila, aínda que para iso se eliminase algún xardín, que máis ten, vexetación xa temos moita na contorna, e tamén festas, moitas e variadas festas, con calquera desculpa.

E así foron pasando placidamente os anos, sen realizar tampouco ningunha infraestrutura nova, agás un circuíto de karts sen rematar, e o da Residencia de Maiores con prometela cada catro anos xa era suficiente.

Xa deixamos para outra ocasión o penoso dato de que, este goberno do PSOE, non conseguiu nin un só euro do Plan do Carbón, aínda en vigor cando entraron a gobernar, e iso que As Pontes tiña adxudicados 54 millóns, todo un récord de xestión; e co actual Plan de Transición Xusta van polo mesmo camiño, cando noutros territorios piden para construír Residencias, aquí solicitan 1,5 millóns para pintar unha rotopala, en fin.

Pero como todo ía como un tiro, e dado que esta sisuda planificación do futuro da nosa Vila (léase con retranca) requiría dun grande esforzo, aproveitando as súas maiorías absolutas, o PSOE decidiu que os seus cargos políticos deberían cobrar das arcas municipais, na actualidade 6 concelleiros/as e un asesor, todos do PSOE por suposto, cobran do Concello, niso son xenerosos, tamén nos seus salarios.

Mais todo muda cando o seu Ministerio de Transición Ecolóxica decide pechar todas as Centrais Térmicas do Estado, nese momento vénse as costuras da realidade na nosa Vila e empézanse a botar contas da caída de ingresos que vai supoñer ás arcas municipais e tamén as dúbidas de como van manter este nivel de vida.

Neste escenario de temor ao futuro económico da Vila, ademais dunha entrega total e absoluta aos intereses de Endesa, empeza unha carreira de anuncios, unha chea de anuncios, de feito na última campaña electoral das municipais tivemos tantos que non dabamos asumidos todos; algunha grande empresa foi anunciada no outono de 2021 e agora, case 3 anos despois, aínda non sabemos nada dela, pero en fin, os anuncios sempre funcionan durante un tempo.

Mais a credibilidade vén floxeando, e xa non chega só con máis anuncios, por iso empezan dende o goberno municipal a visitar empresas da Vila e tirar fotos, teñen que demostrar publicamente que aínda quedan empresas nas Pontes, faltaría máis, e se iso non chega para restablecer a confianza social, tamén fan actos públicos con café incluído, o caso é simular esperanza onde a realidade xa é crúa; das empresas que van desaparecendo, pequenas ou medianas, da hostalería, do comercio, da poboación, etc., diso nunca veremos á Alcaldía facer titulares de prensa, como moito dirá que témonos que adaptar aos novos tempos; e iso imos facendo.

Claro, esta política tamén ten repercusión no valor das propiedades nas Pontes, seguimos pagando a mesma contribución, mais o valor real cada vez é máis baixo, dito doutro xeito, somos colectivamente algo máis pobres, é parte do que nos custou a “festa” dos anos pasados.

Por iso hai que ter tranquilidade, ao final algunha empresa virá, iso pasa en calquera Vila da nosa dimensión en todo o País, sempre ao final, aínda que non sabemos cando é ese final, algunha empresa virá.

E, como corresponde e seguindo a tradición deste goberno municipal, imos ter uns fastos inesquecibles, iso si pagados polas arcas municipais, seguro van facer festa rachada, unha festa que pase aos libros da nosa historia, con inauguración de placa incluída e as oportunas primeiras planas dos xornais nos que o Concello gasta e gasta en publicidade; logo de 17, 18, 19 ou 20 anos do seu goberno municipal, instalarase algunha empresa cun certo nivel de emprego; a pregunta é, a este ritmo de implantación de empresas canto vai durar a nosa Vila coa cualificación de industrial, lembremos que neste sector xa nos supera  Vilalba.

Aínda máis, a todo este proceso de desleixo e destrución do tecido industrial, este mesmo goberno chámalle Transición Xusta; agora só falta que favorezan a fuxida de Endesa para que evite asumir as súas responsabilidades coa nosa Vila.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Trigo

Bastante dacordo, pero vosoutros tampouco fixechedes nada de nada. só meter cizaña e algún fillo en endesa