GC Aberto

Denuncia clases de filosofía

Para comezar esta denuncia social apelo á seguinte cita de Aristóteles como a máis oportuna musa: “Amicus Plato, sed magis amica veritas”

Por admin | Betanzos | 04/07/2024

Comparte esta noticia

Clara Blanco Veres

Ilustración de Bea Gregores para a edición de 'Non che Amola', de Xela Arias, que impulsa o Consello da Cultura Galega. CCG
Ilustración de Bea Gregores para a edición de 'Non che Amola', de Xela Arias, que impulsa o Consello da Cultura Galega. CCG

Gustaríame antes que nada facer un breve contexto histórico do colectivo discriminado do

que formo parte, para que certos conceptos queden claros e se teñan en conta.

O movemento polos dereitos das persoas con discapacidade comezou nos anos 70 do pasado século, pois, tras a Segunda Guerra Mundial, pasousenos a considerar heroes polo noso papel durante o conflito bélico.

Pese a isto, toda a historia do movemento polas persoas con discapacidade transcurriu dende unha perspectiva asistencial, patoloxizada e deshumanizadora. Ata finais do século XX, non se comeza a pasar dun enfoque asistencial a un con carga reivindicativa.

Tamén nos anos 70, foi introducido o termo “interseccionalidade”, por parte da xurista

afrodescendente, Kimberlé Crenshaw, centrándose neste tema moitas activistas feministas

entre as cales destaca Simone de Beauvoir. O termo “interseccionalidade”, desenvolto polas feministas negras norteamericanas nos anos oitenta, explica a interrelación entre diferentes eixes de desigualdade como a discapacidade, a raza, o xénero… A motivación do desenvolvemento do concepto é comprender como o heteropatriarcado, o capitalismo, o racismo ou o capacitismo entrecruzanse configurando formas concretas de desigualdade e violencia cara as persoas que quedan nas periferias da sociedade hexemónica.

Deixado esto suficientemente claro procedo a expresar a miña frustración coa profesora

dunha das materias máis queridas por min, como é a Filosofía, debido ao trato discriminatorio que sufrín durante todo o curso, o cal se trasformou en violencia psíquica ao non ser tratada con equidade tendo en conta que teño unha discapacidade física, negándose a axeitarme os exames, e a establecer calquer tipo de medida específica acorde as miñas necesidades, como podería ser a limitación das preguntas pola dificultade que teño para escribir e que fai que me leve moito máis tempo o desenvolvemento do exame, vulnerando así o meu dereito á igualdade de oportunidades que recolle a lexislación de educación, ao non aplicar medidas equitativas que compensen a desvantaxe da que parto con respecto ao resto de alumnado que non ten unha discapacidade ou condición desigual.

Levo dous trimestres caracterizados pola violencia e medo que supón ver o meu futuro

profesional truncado pola poucas oportunidades que teño de superar uns controis que

dende, a miña percepción, estanse convertindo nunha moderna e legal cama de Procusto

na que non teño intencións de deitarme máis. O ensino non obrigatorio para as persoas con discapacidade non ten a suficiente normativa ou apoio a non ser o de deixarche máis tempo para realizar as probas.

Non forma, frustra e anula sobre todo ás persoas que coma min levamos ritmos enlentecidos. Dependemos da empatía e misericordia dalgúns mestres que intentan dar un ensino humanizado á marxe da burocracia.

Os exames de Historia da Filosofía convertironse nunha trampa capacitista para a cal non

se contaba con ningunha alternativa posto que as discapacitadas non entramos na Idea de

alumnos platónicos, só somos copias mal feitas. Este ano paseino entre preocupación e medos alentados polo formato dos exames, sendo demasiado longos e ambiciosos. Na recuperación da primeira avaliación conseguin acadar un 3,2 despois de pasar dúas

horas de clase, das cales os primeiros cuarenta minutos tivenos que adicar só ao contexto

histórico de Platón, redactando sen descanso.

O mesmo Platón escribiu que o corpo só era o cárcere da alma á que caeu dende o carro

alado. Sabendo isto plantexasenme varias cuestións:

Teño que adicar eu un tempo esaxerado a realizar un exame só porque a miña alma caeu a

un corpo discapacitado? Non sería máis doado unha adaptación do exame, como é o meu

dereito, para que isto non ocurrise?

Os peripatéticos non precisarían camiñar moito para chegar á resposta correcta e xusta. O sistema educativo, ao igual que o Estado, debería estructurarse en torno á xustiza. E os

mestres e as mestras deberían dedicarse a aquilo para o que son virtuosos, é dicir, ensinar,

en base á equidade.

Apelando a Simone de Beauvoir, quero denunciar a situación de alteridade na que tiven que

vivir este curso con respecto a compañeiros e amos hexemónicos, convertindome nun ente

contrario á estudiante. As persoas con discapacidade representamos, por unha banda, un problema nas aulas, e por outra, a imaxe máis macabra das relacións hegelianas.

Estamos condenadas a vivir na inmanencia.

Seguindo cos acontecementos que pasaron durante o curso fun testemuña de declaracións

de alumnos que se queixaban de que incluso para eles, que non tiñan ningunha discapacidade, os exames facianselles demasiado longos de realizar, deixando moitos

deles esta materia nun segundo plano.

Outra filósofa feminista como é Monique Wittig escribiu no 1992 no seu libro “O pensamento

heterosexual” que as lesbianas non eran mulleres porque o concepto de muller só ten sentido na heteronorma.

En base a iso Andrea García preguntouse no seu libro “El cuerpo deseado” si as discapacitadas eran ou non mulleres, xa que a nosa posición está atravesada polo sistema

de capacidade obligatoria.

Eu penso que as discapacitadas somos unha das tantas alteridades da muller binaria. Como conclusión quero afirmar que, por moito que os fellows e os scholars convertidos en

mestres nos poñan a vida complicada, as persoas discapacitadas seguiremos incomodando

pisando o voso céspede.

Non se pode burocratizar a filosofía!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta