Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2024 | Actualizada ás 15:21
O Goberno galego deu 'luz verde' este luns, na súa primeira reunión tras o 'parón' de agosto, á interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra a lei de amnistía para os líderes do 'procés' catalán aprobada este ano. Así o avanzou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen explicou que este recurso "xa anunciado" chega despois dos ditames favorables do Consello Consultivo e da asesoría xurídica da Administración autonómica.
A "arbitrariedade da lei", a "quebra do principio de igualdade territorial, xurídica e económica" e a "vulneración da separación de poderes" son algúns dos argumentos que, en palabras de Rueda, hai para que a Xunta decidise interpor este recurso ante o Tribunal Constitucional. Desta forma, o Goberno autonómico formalizará o recurso antes do 9 de setembro, data na que finaliza o prazo para a súa presentación.
"Sempre dixemos que Galicia actuará con toda a contudencia cando pensemos que hai normas que atentan contra os seus intereses, como é o caso", aseverou o mandatario galego. A argumentación que emprega o Executivo galego parte da consideración da súa asesoría xurídica, que entende que a lei de amnistía "contradí" artigos da Constitución Española como o 9.1, que marca que "todos" os cidadáns e poderes públicos estarán sometidos á Carta Magna e o resto de ordenamento xurídico.
Outro dos aspectos que a Xunta argumenta para levar o texto ante o Constitucional é a apreciación de que a súa aplicación "deixa sen efecto decisións firmes adoptadas polo poder xudicial" e "creba o principio de seguridade xurídica" ao actuar nun ámbito "amplo e indeterminado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.