Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/07/2024 | Actualizada ás 19:12
A Plataforma Vítimas Alvia 04155 censura que o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, "premia" ao fiscal do caso Alvia, Mario Piñeiro, cun posto no Tribunal Supremo por retirar durante o xuízo a acusación contra Adif, a pesar de que previamente pedía catro anos ao director de seguridade no momento do sinistro de tren, Andrés Cortabitarte.
Nun comunicado, as vítimas do Alvia reproban a proposta de García Ortiz para que Piñeiro pase a formar parte da sección penal da Fiscalía do Supremo. Lembran que, xusto hai un ano, o fiscal Mario Piñeiro retirou a acusación contra Adif "sen ningunha razón de peso". Apuntan que el mesmo dixo en sede xudicial aos presentes que "probablemente" non conseguira "" trasladar por que "antes dicía unha cousa e agora outra", e engadiu que lle custou " facelo".
"A explicación que demos a este xiro de guión era sinxela, o fiscal xeral, cuxo xefe é nomeado polo Goberno, estaba a acusar a un organismo (Adif) que pertence ao Estado, e ao que precisamente defende a propia Avogacía do Estado, cuxo xefe tamén o nomea o Goberno", relata a Plataforma. "Por tanto, foi unha chamada corporativa do fiscal xeral a causa directa do cambio de criterio do fiscal (Mario Piñeiro), e así o sinalamos, antes de que dixese que non se lle entendese e que lle custou facelo. Faltaba un dato importante, e é que seguramente naquela chamada corporativa, Álvaro Ortiz, prometeulle o cargo que agora lle outorga, para que lle custase menos cambiar de decisión", sosteñen as vítimas do sinistro ferroviario no que faleceron 80 persoas, ocorrido en Santiago en 2013.
Así, enmarcan esta situación no que denominan "pacto da curva" dos diferentes gobernos para "sinalar ao maquinista como único culpable". Todo iso mentres os executivos "non cumpriron coa obrigación de levar a cabo unha investigación técnica independente tal e como veu reclamando a UE".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.