Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/11/2015 | Actualizada ás 08:45
A Executiva Nacionalista do BNG está “perplexa” e “estrañada” coa decisión da Audiencia Nacional de citar a declarar como testemuñas ao líder da formación, Xavier Vence, e ao secretario de Organización, Bieito Lobeira, no xuízo que se sigue contra a cúpula de Causa Galiza pola súa vinculación con Resistencia Galega.
Por iso, decidiu emitir un comunicado a toda a súa militancia no que di que “non se entende a relación -nin como persoas nin como organización política- cos feitos investigados nesta causa”. De feito, a dirección nacionalista vai máis alá e acusa á Audiencia Nacional de seguir unha “estratexia de raíz política que pretende desacreditar o BNG co ánimo de erosionar electoralmente a alternativa nacionalista, isto é, Nós-Candidatura Galega, de cara ás vindeiras eleccións xerais”.
“Non cremos nas casualidades, e non é casual que a declaración na Audiencia Nacional, en Madrid, se produza seis días antes das eleccións xerais do 20 de decembro. A intención é obvia e torpe a un tempo: a procura da imaxe de referentes do BNG declarando na Audiencia Nacional”, indica esta misiva á que tivo acceso GC.
A formación nacionalista quere manifestar “con absoluta claridade que ninguén -nin a Audiencia Nacional nin ningunha campaña político-mediática de desprestixio- vai conseguir alterar o inquebrantábel compromiso da nosa organización coa defensa da Galiza e do seu pobo traballador, nin desviar a atención da nosa prioridade política imediata: conquistar o 20 de decembro os mellores resultados electorais para a alternativa representada por Nós-Candidatura Galega”.
Por iso, insta á militancia do BNG e ao corpo social nacionalista a “redobrar esforzos e traballo”. “Se este escandaloso proceso evidencia algo, é que o nacionalismo galego é, no noso país, o movemento político que en maior medida molesta ao poder económico e político do estado”, engade.
Así, denuncia que estes poderes “están dispostos a utilizar calquera método para silenciar a voz xenuína e non submisa do pobo galego”. Por iso, a dirección nacionalista suliña que actuará como sempre fixo. “Con determinación, coa cabeza ben alta e a conciencia tranquila. Non nos calarán”.
Este é o escrito completo:
Prezada compañeira:
Prezado compañeiro:
Con data de 20 de novembro, o Portavoz Nacional e o Secretario de Organización do BNG recibiron notificación para compareceren, o día 14 de decembro, na Audiencia Nacional (Xulgado Central de Instrución nº 6, en Madrid, que dirixe o xuíz Eloy Velasco), co fin de prestaren declaración en calidade de testemuñas no proceso 120/2015.
Tras recibiren a citación, o BNG solicitou información á Audiencia Nacional sobre o referido proceso, para descubrir con sorpresa que se trata das dilixencias previas abertas contra a organización política Causa Galiza, despois da detención de varios dos seus integrantes, interrogados e finalmente postos en liberdade con cargos o día 2 de novembro.
Diante desta situación, a Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego xulgou preciso trasladar a toda a militancia e simpatizantes da nosa organización as seguintes consideracións políticas:
1. O BNG quere expresar a súa perplexidade e estrañeza por esta citación -aínda que sexa en calidade de testemuñas- a dous responsábeis políticos da Executiva Nacional. Non se entende a relación -nin como persoas nin como organización política- cos feitos investigados nesta causa.
2. Resulta máis que chamativa a data de citación. Non cremos nas casualidades, e non é casual que a declaración na Audiencia Nacional, en Madrid, se produza seis días antes das eleccións xerais do 20 de decembro. A intención é obvia e torpe a un tempo: a procura da imaxe de referentes do BNG declarando na Audiencia Nacional. Nese sentido, é evidente a existencia dunha estratexia de raíz política que pretende desacreditar o BNG co ánimo de erosionar electoralmente a alternativa nacionalista, isto é, Nós-Candidatura Galega, de cara ás vindeiras eleccións xerais.
3. O BNG quere manifestar con absoluta claridade que ninguén -nin a Audiencia Nacional nin ningunha campaña político-mediática de desprestixio- vai conseguir alterar o inquebrantábel compromiso da nosa organización coa defensa da Galiza e do seu pobo traballador, nin desviar a atención da nosa prioridade política imediata: conquistar o 20 de decembro os mellores resultados electorais para a alternativa representada por Nós-Candidatura Galega.
4. Instamos á militancia do BNG e ao corpo social nacionalista a redobrar esforzos e traballo pola consecución dos obxectivos antes expostos. Se este escandaloso proceso evidencia algo, é que o nacionalismo galego é, no noso país, o movemento político que en maior medida molesta ao poder económico e político do estado. Están dispostos a utilizar calquera método para silenciar a voz xenuína e non submisa do pobo galego. Sexamos conscientes e actuemos como sempre fixemos. Con determinación, coa cabeza ben alta e a conciencia tranquila. Non nos calarán.
Bieito Lobeira
Secretario de Organización
Bloque Nacionalista Galego
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.