Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2024 | Actualizada ás 21:09
O historiador e investigador Jesús Blanco Rosas fixo público este martes un catálogo con información sobre programas e actividades radiofónicas impulsados polas comunidades de galegos na diáspora, desde a década de 1930 ata a actualidade. Por agora conta con 130 entradas, pero está aberto a novas incorporacións.
O groso do repositorio, que leva por título 'Repertorio da Radio Galega da Emigración', son documentos, textos, guións e noticias de prensa sobre estes programas que se emitían fóra de Galicia, maioritariamente en Arxentina. Tamén se logrou recuperar arquivos fotográficos e sonoros, pero menos.
Segundo explica a Europa Press Jesús B.anco, integrante do Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela, o catálogo está "aberto como recurso para outros compañeiros, estudantes e investigadores" a través da plataforma 'Minerva' e a biblioteca da Facultade de Ciencias da Comunicación. O repositorio recolle unha listaxe de audicións das que se detallan aspectos como título, subtítulo, colaboracións máis importantes dos programas e referencias bibliográficas.
As emisións recompiladas producíronse maiormente en América Latina, aínda que tamén as hai por Europa --na BBC británica-- e noutras partes de España --en Radio Pirenaica--. "Eran temas galegos, conducidos por galegos e financiados, en gran parte, por galegos", detalla Blanco.
A PRIMEIRA, DE 1932
A primeira audición que recolle este repositorio data de 1932, en plena Segunda República. Trátase, máis que dun programa radiofónico, dunha "conexión telefónica internacional" con Buenos Aires por parte do entón alcalde de Santiago, Raimundo López Pol, quen pronunciou un discurso despois dunha reunión de varios concellos galegos para expor ás Cortes españolas a posibilidade de que Galicia tivese un Estatuto de Autonomía.
O arquivo máis actual é o programa 'A Navalla Galega', emitido en 2018 por Ràdio Horta-Guinardó, sobre asuntos de actualidade. Iso si, para Blanco, a dixitalización da radio abre a posibilidade de elaborar un repositorio similar sobre pódcasts realizados por galegos.
Por tanto, boa parte deste catálogo histórico céntrase na radio da emigración durante o franquismo, cuxos temas máis recorrente é o folclore, a cultura e a música galega, sen deixar de lado outros máis políticos, como o galeguismo e o republicanismo.
Jesús Blanco destaca "o papel das mulleres" no universo radiofónico na diáspora galega, como os programas que tiñan Maruxa Boga e Maruxa Villanueva en Buenos Aires, á parte de creacións nas que se implicaron figuras como Castelao, Luís Seoane e Eduardo Branco Amor, entre outros.
O GALEGO
Ademais, o investigador e impulsor do proxecto apunta que, no caso de Latinoamérica --salvo excepcións como 'Sempre en Galicia', de Manuel Meilán--, os programas estaban en castelán. Débese a dous factores: o "condicionante económico", porque os anunciantes apostarían máis por contidos que chegasen a un maior público; e "os prexuízos" sobre o idioma galego, porque en castelán se percibían como programas "máis cultos". En cambio, en Europa e noutras partes do territorio español, como en Cataluña, si había programas en galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.