Xunta e Goberno abren unha canle de comunicación "fluída e constante" para coordinar o traslado dos migrantes a Galicia

A Xunta insiste en pedir "información" ao Goberno sobre os migrantes para "coordinarse".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2024 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

Xunta de Galicia e Goberno central acordaron abrir unha canle de comunicación "fluída e constante" para a coordinación do traslado de inmigrantes a Galicia. O presidente galego, Alfonso Rueda, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, mantiveron este xoves unha conversación telefónica na que chegaron a este acordo.

Informan ademais de que o primeiro grupo de persoas chegará nos próximos días ao albergue do Monte do Gozo. Aínda que non concretan aínda nin data nin número de persoas que forman o grupo, a previsión inicial apuntaba a que a Santiago chegarían unhas 208 persoas o 25 de xullo. A pesar deste achegamento, o presidente Rueda insistía en declaracións aos medios antes de participar nun comida-coloquio en Madrid, na "improvisación" coa que, asegura, está a moverse o Executivo e que lle lembra ao ocorrido hai meses, no anterior traslado de migrantes.

"Somos unha comunidade autónoma solidaria. Recibimos a esas persoas, pero necesitan ser atendidas, que ademais veñen en moitos casos de travesías e con historias moi duras. Xa nos sucedeu hai uns meses e non queremos que volva suceder, a improvisación de pensar que, efectivamente hai un problema humanitario en Canarias e que a única solución, o único que ten que facer o Goberno de España, é distribuílos polo resto da xeografía, sen ningunha planificación e sen ningunha previsión", defendeu.

Insiste na necesidade de falar coas comunidades autónomas e lembra que na conferencia sectorial da semana pasada, na que se abordou a derivación de menores migrantes, "non se falou disto en absoluto". "O normal é sentarnos, planificar, ver como teñen que ser atendidas, saber onde van estar, cantas van ser e en que datas van vir. Todo isto poderíase facer moitísimo mellor", remarcou. "Eu non quero ningún tipo de debate político nun asunto destes, pero quero facer as cousas ben. E iso o que esixe é unha planificación por parte do Goberno de España, que é o que ten a política migratoria, e é o que está a distribuír a estas persoas", recalcou.

"NON É UNHA GUERRA DE CIFRAS"

En canto ao baile de cifras destes últimos días, co Goberno asegurando que chegarían 470 e a Xunta de Galicia defendendo que "coñecían por fontes extraoficiais" que chegarían ao redor de 700, Alfonso Rueda asegurou que "o Goberno sabe dabondo que o número de migrantes que van enviar a Galicia vai crecer", pero recoñece que "os primeiros que van chegar están ao redor dese número".

Preguntado por se se reafirmaban en que serían 700, o presidente concedeu que o número de migrantes previstos para estas próximas datas "estaría ao redor dos 470-500". "Sabemos que probablemente, eles mesmos dino, que poden ser máis. Organizacións, ONG's que están a colaborar co Goberno para o aloxamento fálannos dunha cifra maior, probablemente nas datas seguintes", matizou Rueda que, con todo, argumentou que "isto non é unha guerra de cifras".

Migrantes procedentes de Canarias deixan o hotel Baixamar para partir ao campamento de Accem, a 19 de decembro de 2023, en Sanxenxo
Migrantes procedentes de Canarias deixan o hotel Baixamar para partir ao campamento de Accem, a 19 de decembro de 2023, en Sanxenxo | Fonte: Elena Fernández - Arquivo

FABIOLA GARCÍA ESIXE AO GOBERNO "LEALDADE INSTITUCIONAL"

A conselleira de Política Social, Fabiola García, volveu a esixir ao Goberno central "información, aclaracións e planificación" respecto da derivación de inmigrantes a Canarias procedentes de Galicia. "O que queremos é atender ás persoas, non confrontar co Goberno central", asegurou.

Tras visitar este xoves a escola infantil de Vite e en declaracións aos medios, Fabiola García volveu a censurar a "falta de comunicación" por parte do Goberno central, lembrando que foi o presidente da Xunta quen chamou ao Delegado do Goberno para pedirlle información. A conselleira remarcou tamén que Galicia, como o resto de comunidades autónomas, ten competencias en atención social, educativa e sanitaria, polo que é preciso coñecer a situación dos migrantes e se se inclúen menores para incorporalos ao sistema de protección.

"Por tanto, ao Goberno central, o que lle pedimos son aclaracións, información, coordinación e planificación. Queremos que o Goberno central actúe como estamos a actuar nós, con esa lealdade institucional. Porque nestes momentos somos as comunidades autónomas as que estamos a mostrar esa solidariedade e, por tanto, non imos aceptar que se utilice a persoas para facer política", advertiu Fabiola García.

BAILE DE CIFRAS

Respecto da procedencia dos inmigrantes, a Administración autonómica insiste en asegurar que a cifra dos 700 que manexan, proceden de Canarias (o Goberno central insiste en que serán 470 os que cheguen á comunidade). "Nunha situación de crise migratoria como estamos a vivir nestes momentos, o mínimo que se necesita é que haxa comunicación entre administracións. O que non pode ser aceptable é que ninguén utilice a persoas para facer política como estamos a comprobar que se está facendo nestes momentos", denunciou. Nesta liña, volveu a reprochar as últimas declaracións de varios membros do Goberno, entre eles o presidente Pedro Sánchez, nas que acusaban á Xunta de Galicia de non acoller a ningún menor migrante en 2023.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta