Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2024 | Actualizada ás 20:03
A Real Academia Galega e PuntoGal entregaron este martes os premios do seu VII Concurso de microrrelatos, que recoñeceu ás mellores historias curtas entre preto dun milleiro de candidatos.
En concreto, o xurado da categoría de persoas adultas recoñeceu co primeiro galardón a Claudia Pérez González (1995), veciña de Ourense; mentres que o segundo foi para a lucense Luca Chao (1988) e o terceiro para Manuel González Seoane (1955), natural de Vilagarcía de Arousa e residente na Coruña.
O xurado das modalidades xuvenil e infantil distinguiu co primeiro premio de 12 a 17 anos ao coruñés Jacobo Pérez Criado (2007); o segundo foi para a luguesa Mencía Ferreiro García (2007); e o terceiro a Carla Coucheiro Rodríguez (2009), valenciana e veciña de Santiago de Compostela.
Na modalidade infantil, Martina Boo Álvarez (Cambre, 2012) fíxose co primeiro premio, Mariña Abolo Aneiros (Santiago de Compostela, 2012) co segundo e Xoel Villar Castro (2014), veciño de Castrelo de Miño, co terceiro.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o de PuntoGal, o tamén académico Manuel González González, entregáronlles os galardóns ás persoas premiadas xunto a Darío Janeiro, director xeral e membro de PuntoGal; e Silvia López, en representación da revista Luzes, na que se publicarán os relatos premiados e os finalistas. O acto celebrouse na Fundación Luís Seoane.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.