O Outono Códax adianta propostas artísticas de primeiro nivel internacional

Por Santiago pasarán, entre outros, o gañador dos Grammys ao mellor álbum de blues contemporáneo, Fantastic Negrito; os canadenses The Sheepdogs, que abren en Compostela a súa xira europea; e a californiana Shannon & The Clams. O festival celebrarase do 31 de outubro ao 23 de novembro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/07/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Outono Códax, festival que chega á súa 14ª edición, está xa consolidado na axenda dos seus seguidores galegos, nacionais e incluso internacionais. Este punto é importante, contar co crédito da xente interesada nun evento destas características e que non abonda no panorama nacional, mais igual de importante é manter o nivel cun cartel que estea á altura das expectativas.

Los Tiki Phantoms. Foto: Carlos Crespo.
Los Tiki Phantoms. Foto: Carlos Crespo.

Nesta edición a súa organización séntese completamente satisfeita e orgullosa xa que contará con visitas, en case todos os casos exclusivas en Galicia e noutros incluso en España, de artistas e bandas de renome internacional na escena das músicas de raíz afroamericanas, entendidas na súa máis ampla extensión: dende o blues ao soul ou dende o rock sureño ao swing, pasando polo rocksteady ou polo surf.

Como é xa sabido, o Outono Códax é posible grazas ao apoio e colaboración de Bodegas Martín Códax, e ao traballo de programación e comunicación de Raíña Productions e A Reixa.

CARTEL PARA A XIV EDICIÓN

Este 2024 Santiago recibirá ao gañador de dos Grammys ao mellor álbum de blues contemporáneo, Fantastic Negrito (23 novembro); aos canadenses The Sheepdogs (9 novembro), que abren en Compostela a súa xira europea; ou á californiana Shannon & The Clams (21 novembro), recoñecida e valorada mesmo polo público non especializado neste tipo de xéneros.

Tamén estarán outras figuras, se cadra non tan famosas pero de incuestionable calidade e moi difíciles de ver por estas latitudes, como The Jives Aces ou The Fuzillis (22 novembro); ou os encargados de abrir o festival, The Courettes (31 outubro no Riquela), “a formación de rock and roll de dúas persoas máis grande do mundo”, como os definiu a publicación británica The Next Big Thing.

A representación galega recae nesta edición en Mambas Negras (21 novembro), quinteto vigués formado por grandes músicos galegos amplamente recoñecidos e Madame Bird (23 novembro), a banda da gran voz da escena negra galega, Carla de Figueredo.

Dende Barcelona chegarán Los Tiki Phantoms, unha banda referencial do surf instrumental con tres décadas de traxectoria.

Os concertos desta edición do Outono Códax, que se celebrará entre o 31 de outubro e o 23 de novembro, volverán ter por escenario a Sala Capitol e o Riquela Club de Santiago.

PROGRAMACIÓN COMPLEMENTARIA E ABONOS

A programación do Outono Códax 2024 completarase coma sempre cunha ampla programación de actividades paralelas (catas, ceas musicais, ciclo de cine, exposición, etcétera) que se dará a coñecer nas vindeiras semanas.

Os abonos e as entradas estarán a venda en Santiago en A Reixa Tenda-Matrioska e a través de salacapitol.com ou ataquilla.com dende o pasado 16 de xullo. As entradas por día para os concertos da Sala Capitol terán un prezo de 20 euros (+gx) en venda anticipada e 25 euros (+gx) na billeteira. As entradas por día para os concertos que se celebren no Riquela Club terán un prezo de 15 euros (+gx) en venda anticipada e 18 euros (+gx) na billeteira, cun aforo moi limitado.

Ademais de en Compostela, as entradas tamén estarán á venda en Bonus Track (Ourense), Rock Box (A Coruña), Honky Tonk (Vigo).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta