O río e a sombra, refuxios dos veciños de Leiro nunha xornada con máximas que superan os 40 graos

"O río está moi ben, a auga fresquita e así se pode combater a calor", explicaron a Europa Press.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2024 | Actualizada ás 20:07

Comparte esta noticia

O municipio ourensán de Leiro alcanzou este martes os 41,5 graos, unha máxima á que os veciños e veciñas do concello "fan fronte" grazas á praia fluvial do municipio. "O río está moi ben, a auga fresquita e así se pode combater a calor", explicaron a Europa Press.

Nesta liña, varios veciños da zona destacaron que este municipio ourensán "adoita rexistrar as temperaturas máis altas" todos os veráns, unhas máximas ás que se enfrontan con "a sombra e o río". Ademais, sinalaron que a forma de superar a calor é "á auga, á sombra, a comer, á auga e outra vez á sombra". Nunha xornada tan calorosa como a deste martes, a beira do río de Leiro brindou refuxio a diversos grupos de bañistas de todas as idades que gozaron dun día "de praia" en plena provincia de Ourense.

Por outra banda, as terrazas do pobo estiveron cheas durante toda a mañá con veciños e algúns turistas, unha imaxe que contrasta coas rúas baleiras e sen ningún recuncho de sombra entre as 16.00 e 17.00 horas, cando se alcanzaron temperaturas superiores aos 40 graos. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou para este martes a alerta laranxa por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense e no sur da provincia, onde esperaban alcanzar os 39 graos. Con todo, o concello de Leiro alcanzou os 41,5 graos, do mesmo xeito que Ourense capital.

Dous bañistas no río de Leiro en plena onda de calor
Dous bañistas no río de Leiro en plena onda de calor | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta