Por E.P. | OURENSE | 24/07/2024 | Actualizada ás 19:59
O pleno da Deputación de Ourense, coa abstención do PP, acordou esixir á Xunta o mantemento do canon que os concellos pagan a Sogama e avanzar cara a un modelo de recollida de lixo máis sustentable.
Así mesmo, na sesión aprobouse unha solicitude á Xunta de Galicia para pedir asumir os servizos mínimos obrigatorios do concello dos Blancos, por parte da institución provincial, a través dunha nova prórroga pola súa situación financeira.
Trátase dunha nova prórroga ata marzo de 2026 para prestar os servizos de abastecemento domiciliario de auga potable, saneamento, pavimentación de vías públicas e acceso a núcleos de poboación, así como iluminación pública. Servizos mínimos que vén asumindo a Deputación Provincial dada a situación financeira na que se atopa o concello desde o ano 2017.
A Deputación tamén se fará cargo da ordenación e xestión de ditos servizos, incluídas as facultades de imposición e ordenación de taxas polos servizos no caso de que procedan.
Así mesmo, o goberno provincial poderá propor a prórroga sucesiva da asunción destes servizos para o período de dous anos durante a vixencia do plan de axuste do concello dos Blancos, no caso de que subsistan as causas que o motivaron e non alternativas para garantir a prestación destes servizos.
Ademais deste tema, o pleno tamén aprobou convenios de colaboración con sete concellos para a construción de sete residencias para maiores, cun investimento por parte da institución de 2.650.916 euros nas anualidades de 2024 e 2025.
Con estes convenios cofinanciasen a construción de centros para maiores nos concellos da gudiña, A Teixeira, Laza, Piñor, Trasmiras, Xunqueira de Ambia e Os Blancos. Contando co apoio económico da Xunta de Galicia que achegará 8.344.765,39 euros tamén en dúas anualidades. Estes acordos enmárcanse no ámbito competencial da Deputación e as entidades locais, con finalidade de garantir a prestación de servizos de interese público.
Ademais, tamén se aprobou o orzamento do Consorcio Provincial para a prestación do servizo contra incendios e salvamento e a súa integración no Orzamento Xeral do organismo provincial. En concreto, terá este ano un importe de 4.651.125,63 euros.
MOCIÓNS
No apartado de iniciativas dos grupos políticos, o pleno aprobou iniciativas sobre a mellora das infraestruturas viarias na comarca de Valdeorras e unha sobre benestar animal, pola que a corporación provincial insta o Goberno de España a dotar presupuestariamente aos concellos dunha partida para aplicar a Lei de Protección de Dereitos e Benestar dos animais, en base a criterios obxectivos baseados no seu censo sobre animais domésticos que viven no concello, tipos de especie, estado ou idade.
Ademais, coa abstención do Partido Popular, o pleno acordou esixir á Xunta o mantemento do canon que os concellos pagan a Sogama e avanzar cara a un modelo de recollida de lixo máis sustentable.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.