A Deputación de Pontevedra ten que pedir un crédito de case 10 millóns de euros para pagar o cine Fraga

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2024 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

O Pleno ordinario da Deputación de Pontevedra correspondente ao mes de xullo aprobou este venres unha nova modificación de crédito por valor de case 10 millóns de euros, que se destinará principalmente (4,6 millóns de euros) á adquisición do Cinema Fraga en Vigo.

A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia compran a Abanca este histórico inmoble para destinalo a usos culturais a través dun convenio polo que o ente provincial achegará o 49% dun investimento total que ascende a 9,3 millóns de euros.

Neste sentido, o grupo provincial do BNG propuxo crear un consorcio entre Xunta, Deputación, Concello de Vigo e Abanca para que o Teatro Fraga sexa de uso público sen custo. A proposta foi rexeitada. Os 4,2 millóns de euros restantes desta terceira modificación de crédito destinaranse a turismo, a cultura e a obras nos municipios de Mondariz-Balneario, Oia, Salceda de Caselas e Tui.

Neste mesmo pleno tamén se aprobou por unanimidade unha segunda adenda ao convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo para a execución dun plan de mellora da mobilidade urbana sustentable na cidade olívica, a recuperación de sistema dunar na praia de Samil e a mellora da cubrición do patio do colexio CEIP Javier Sensat.

O grupo provincial do Partido Socialista reclamou, mediante unha moción, que a Deputación ofreza a súa "solidariedade" para acoller a menores inmigrantes e "aliviar" a situación que se está producindo en Canarias. A deputada do PP, Sandra Bastos, puxo en valora o traballo que se desenvolve na cidade infantil Príncipe Felipe "que nestes momentos ten un cento por cento de ocupación" e que "cando temos algunha praza vacante ponse a disposición da Xunta". Segundo informou, o centro Príncipe Felipe xa está a acoller a 13 menores migrantes "sen ningún referente familiar".

Os socialistas tamén defenderon outra moción na que demandaban que a Deputación de Pontevedra instase á Xunta de Galicia a que non suba o canon da xestión dos residuos, e que non obriguen a pagar á cidadanía e aos concellos a "deficiente xestión que fai de Sogama" que "penaliza a xestión sustentable dos residuos". A iniciativa tamén foi rexeitada co voto en contra do PP.

López, Rueda e Botas durante a firma da venda do Cinema Fraga
López, Rueda e Botas durante a firma da venda do Cinema Fraga | Fonte: PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta