Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/12/2015 | Actualizada ás 16:15
O sector lácteo anuncia novas tractoradas ante o incumprimento de que soba o prezo do leite e tamén o sector do cerco segue en pe de guerra porque o futuro de centos de familias está en perigo. De feito, a Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga) arremeteu este mércores contra o novo plan de xestión do caladoiro nacional do Cantábrico Noroeste. “Afúndenos aínda un pouco máis", dixo o seu presidente Juan José Blanco.
"Utilizaron o BOE para seguir acurralando á frota de pesca do cerco de Galicia, que vive unha situación insustentable desde que no ano 2014 se puxera en marcha un novo sistema de repartición das cotas de pesca baseado no histórico de capturas de cada barco", dixo Blanco en conferencia de prensa.
"Isto podería pasar nunha ditadura, pero que pase nunha democracia non é xusto", denunciou e lembrou como as administracións fai tres anos ofrecían créditos aos emprendedores e agora pretenden afogalos porque non teñen diñeiro para facer fronte aos pagos, "que non miren polo máis grande, que miren polo pequeno emprendedor".
Por iso, responsabilizou tanto á Xunta como ao Ministerio de Agricultura e dixo que é "un paso máis" na estratexia de facer desaparecer este sector en Galicia. Neste sentido, dixo que o novo plan é "inxusto" ao xerar claros agravios comparativos, polo que reclaman outro sistema de repartición máis equitativa baseado na repartición de cotas por tripulante e día.
Unha petición que, segundo explicou, reclama o 75% do sector do cerco galego, e máis do 51% do conxunto da frota do cantábrico noroeste, que inclúe Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, pero que tanto o Goberno central como o autonómico desatenden.
Para o presidente de Acerga, este acordo incumpre totalmente o compromiso de "reaxuste" que abordaran cos responsables de pesca, polo que responsabilizan ás administracións desta situación e especialmente á conselleira de Mar, Rosa Quintana: "É a señora que máis dano lle fixo á pesca galega" na historia, e por iso pediulle "que explique" que intereses ten en facer "desaparecer" ao cerco e beneficiar ás grandes piscifactorías.
Pola súa banda, o portavoz desta asociación, Andrés García, dixo que aínda que están "esgotados e desesperados" pola situación de "acoso e derrubo" que emprega a Xunta con eles, continuarán acampados ante San Caetano, onde permanecen desde hai máis de 40 días, e este fin de semana terán unha asemblea na que decidirán que novas accións emprender, "pero non nos imos a quedar parados".
Apoio de Gómez Besteiro
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, brindoulle este mércores o seu apoio a este sector e asegurou que se o PSOE alcanza o Goberno tras as eleccións xerais do próximo 20 de decembro cambiarase o plan de xestión do Cantábrico Noroeste para obter unha "repartición xusta" co sector do cerco de Galicia.
O líder dos socialistas galegos, xunto cos deputados do PSdeG Abel Losada e José Ramón Val, visitou aos representantes da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga) que están acampados en San Caetano desde hai máis de 40 días.
Tras este encontro nas inmediacións da Xunta, Besteiro denunciou que o Ministerio de Agricultura presentase un novo plan de xestión o pasado luns que continúa prexudicando "moitísimo" ao sector en Galicia, e por iso publicouno con "aleivosía e nocturnidade", remarcou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.