Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2024 | Actualizada ás 16:18
Os primeiros 100 refuxiados de Mali, que chegaron a Santiago de Compostela a pasada noite, viven as súas primeiras horas na comunidade habituándose á súa residencia temporal en Monte do Gozo, onde está previsto que este mércores cheguen outros 104 compatriotas á vez que Becerreá recibe o primeiro grupo de 69 malianos.
Eran pouco antes das 23,00 horas cando chegaban ao Monte do Gozo de Santiago os autobuses que transportaban desde Madrid a este primeiro grupo de migrantes. Trátase de homes adultos que chegaron a Canarias en caiucos escapando da guerra de Mali, polo que teñen a condición de refuxiados e a maior parte iniciaron xa os trámites de petición de asilo.
Tras a súa primeira noite no albergue público de Monte do Gozo, esta mañá moitos dos refuxiados paseaban pola contorna, escoitaban música e charlaban entre eles antes da comida, que se lles proporciona nas mesmas instalacións, acompañados en todo momento por membros da ONG Rescate, que lles prestan asistencia. Algúns deles aventurábanse tamén a camiñar ata a cidade para coñecer a contorna.
Mentres este primeiro grupo de habitúa á súa residencia temporal, está previsto que leste mesmo mércores chegue a Monte do Gozo un segundo grupo de refuxiados, composto por 104 persoas. Ao mesmo tempo, tamén se desprazarán desde Madrid outro grupo e 69 malianos que se situarán no municipio lucense de Becerreá.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.