Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2024 | Actualizada ás 19:39
O xurado do cuarto premio de xornalismo 'Somos Esenciais', que convoca o Colexio de Xornalistas de Galicia e Gadis, decidiu por unanimidade escoller como gañador o traballo 'Pornografía na rede, a maior escola de desigualdade e misoxinia', escrito por Alba Chao Vázquez e publicado o 3 de marzo de 2023 no Faro de Vigo.
O xurado deste premio, dotado con 1.500 euros, destacou que o traballo premiado trata "un tema de máxima actualidade elaborado de forma rigorosa, cun amplo soporte documental e enriquecido con opinións de expertas".
A acta destaca tamén "a súa capacidade para mostrar unha visión global, mediante unha escritura precisa e ordenada, dun problema que afecta á toda a sociedade", analizando as causas, as consecuencias e as formas de abordar o consumo de pornografía entre os menores, o que fai do texto "unha ferramenta ao servizo da cidadanía".
Ademais, acordouse conceder unha mención especial como finalista a Carolina Sertal Souto pola reportaxe 'Bebés roubados, entre o silencio e a impunidade', aparecido en febreiro de 2023 na revista Luzes, na que o xurado valorou "o contido de alto valor social ademais da aposta polo uso do galego" dun traballo que presenta "unha realidade complexa e dramática, durante anos silenciada, desde unha perspectiva diferente".
Os membros do xurado quixeron sinalar explicitamente a calidade dos 21 traballos presentados nesta edición do premio, que "confirman a necesidade de manter nos medios un espazo para a información social" e consolidan un galardón que chega, con esta, á súa cuarta edición. A organización realizará un acto de entrega do premio nunha data aínda por concretar, despois do verán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.