(Crónica) Espectacular noite de DJ's en Sanxenxo con Mëstiza e o seu electrofolclore como prato forte

O festival Costa Feira acolleu na súa sesión de madrugada a estas dúas DJ's e produtoras musicais que o están petando coa súa música e os seus 'looks'.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 03/08/2024 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

Verán, Sanxenxo e música son sinónimos de Costa Feira, un festival que con só dous aniños ás súas costas xa se consolidou como unha referencia en Galicia. E é que nunca defrauda, cunha programación que contenta a todos os estilos e gustos, cun claro obxectivo: pasalo ben e desfrutar como nunca. De xullo a agosto, o polígono industrial de Nantes énchese cada semana de espectáculos para o recordo, nun espazo con dous grandes escenarios, zona de 'foodtrucks' e 'photocall'. Non escapa detalle e este venres foi a quenda de facer vibrar ao público con Mëstiza, o dúo de DJ's españolas que mesturan música electrónica con flamenco, no que xa se coñece como electrofolclore.

Festival Costa Feira de Sanxenxo
Festival Costa Feira de Sanxenxo | Fonte: GC

Dende antes de abrir as portas, ás 00.00 horas, xa había ducias de persoas facendo cola na entrada para coller o mellor sitio para desfrutar das súas artistas favoritas. Entre os asistentes había grupos de mozas perfectamente vestidas para a ocasión. E é que Mëstiza caracterízase, ademais de pola súa música, polos seus 'looks', unha mestura do vestido típico andaluz de muller co sombreiro propio do traxe do home e outras prendas de estilo máis urbano como poden ser sudadeiras ou corsés. Na xornada de onte había moitas rapazas co seu gorro que locían como auténticas raíñas do electrofolclore.

Antes de chegar o prato forte da noite, e para abrir boca ao que estaba por chegar, ata tres sesións cos DJ's Zoe Rey, Saldivar, Maik Miroux e Karretero, grandes nomes chegados de discotecas como Pachá Barcelona e Lula the club en Madrid. Todos eles deron unha verdadeira clase mestra sobre a arte de pinchar. A música electrónica prendeu a noite de Sanxenxo ao mesmo tempo que as luces do impoñente escenario atraían cada vez a máis xente ata o recinto, que a iso das 2.00 horas xa estaba cheo ata a bandeira. O público desfrutaba e bailaba coma se fose a súa última noite, mentres agardaba impaciente a chegada de Mëstiza.

Foi pasadas as 3.00 horas da madrugada cando o dúo formado por Pitty Bernad e Belah deu o salto ao escenario e tomou o control da mesa. Ataviadas nesta ocasión con sudadeira e gorra, presentaron un estilo máis deportivo que de costume, aínda que sempre co seu pano de flamencas, o mantón, posto por debaixo da gorra. Sen dúbida, unha vez máis, o seu 'look' non deixou indiferente a ninguén. Como tampouco o fixo a súa música. A arte que teñen á hora de encaixar cancións folclóricas andaluzas con ritmos electrónicos é cousa doutro mundo. 

Mentres pinchaban, ducias de persoas as acompañaban no escenario totalmente entregadas ás mesturas destas DJ's 'marca España', que xa contan con máis de medio millón de seguidores nas redes sociais, tal é o seu éxito. E, abaixo do escenario, centos de asistentes coreaban os temas que ían sonando mentres bailaban desenfreadamente. Sen dúbida, unha noite máis para o recordo dentro deste cartaz máxico de actuacións que presenta o Costa Feira neste ano 2024.

Mëstiza no Costa Feira de Sanxenxo
Mëstiza no Costa Feira de Sanxenxo | Fonte: Instagram

Festival Costa Feira de Sanxenxo
Festival Costa Feira de Sanxenxo | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta