(Crónica) Un Anuel AA inconmensurable pon a vibrar a milleiros de persoas no último día do Reggaeton Beach Festival

A sorpresa da noite foi a actuación de Juan Magán, artista sorpresa que provocou auténticas carreiras para coller o mellor sitio e a ovación dun público entregado ao electrolatino.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 05/08/2024 | Actualizada ás 11:57

Comparte esta noticia

O Reggaeton Beach Festival é unha das citas do verán imperdibles en Galicia dende fai uns anos. Un festival adicado a este xénero urbano que aglutina nunha fin de semana a case unha decena dos mellores artistas do momento a nivel internacional. Horas e horas de música sen pausa fan vibrar a milleiros de persoas nun recinto dos máis espectaculares do verán, con colchonetas, xogos, cámara 360 e 'photocall' incluídos. Foi o portorriqueño Anuel AA o encargado de pechar a edición deste ano, e fíxoo deixando o listón moi alto de cara ao vindeiro. E iso que non o tivo fácil, pois precedeulle como artista convidado o DJ Juan Magán, que co seu electrolatino acendeu os recordos de mocidade de todos os asistentes.

Anuel AA no Reggaeton Beach Festival 2024 de Nigrán
Anuel AA no Reggaeton Beach Festival 2024 de Nigrán | Fonte: Reggaeton Beach Festival

Despois de agardar toda unha tarde de calor con actuacións de De La Guetto e Nio García incluídas, entre outros artistas, o público de Nigrán agardaba ansioso que Anuel AA saltase ao escenario. Foi ao redor das 23.30 horas cando o fixo e se escoitaron os gritos de todos os alí presentes coreando o seu nome. Gritos que, de seguro, se deixaron sentir en toda a vila. Co seu característico estilo urbano que inclúe sempre lentes de sol e chaqueta 'bomber', o cantante saiu cun micro do máis chamativo: unha cruz que brillaba en neón fucsia e que facía que se lle vise dende o mesmísimo fondo do recinto. Ademais, un elemento moi especial incluído no decorado do escenario espertou as miradas de todos: un 'quad' ao que se subiu en múltiples ocasións mentres cantaba.

Cancións como 'Amanece' ou 'Ella quiere beber' puxeron a vibrar aos milleiros de asistentes, como tamén o fixeron 'Sola Remix' ou 'La Jeepeta'. E é que facilmente interpretou ao longo de 75 minutos de música imparable unha trintena de temas. Cómpre destacar que antes de cada canción fixo unha breve introdución explicando o momento no que a creou e por que era significativa para el. En concreto, fixo moito fincapé no ano 2016, un ano no que dixo estar perdido e ser salvado pola música e polos seus fans. Tamén tivo referencias ao seu paso polo cárcere e como puido reintegrarse socialmente grazas ao cante. Finalmente, tivo algunha tiradeira para a súa exmoza Karol G, inspiradora de moitos dos seus temas. Ao escoitar o seu nome, o público volveuse tolo e comezou a berrar e aplaudir.

Se algo quedou claro na noite de onte no Reggaeton Beach Festival é que a voz de Anuel AA é espectacular sen necesidade de 'autotune', algo que o portorriqueño, despois do seu escándalo na 'Velada del Año IV' do 'streamer' Ibai Llanos, quixo demostrar en múltiples ocasións, cantando o final de cada tema 'a capella'. Especialmente en temas de 'trap' como 'Medusa' demostrou que o que se escoita nas cancións é a súa voz real. E tamén fixo que o público corease en múltiples ocasións os seus míticos 'Real hasta la muerte', 'Ua', 'Brrrr' e 'Bebesita'. Milleiros de persoas respostaban a coro á petición de repetición de Anuel AA, entregados por completo a unha noite para o recordo.

Dentro do 'show' de Anuel AA tamén destacou a posta en escena, con bailaríns que demostraron a súa destreza e cun deseño gráfico dos fondos proxectados nas pantallas que facía quedar pampos e abraiados ao máis atentos, tal era a minuciosidade coa que estaban creados anxos, diaños e todos os elementos que foron saíndo mentres o artista portorriqueño daba o seu espectáculo. Ao igual que tamén sorprenderon todos os efectos que incluía un grandioso escenario onde as luces, o fume e as chamaradas eran as raíñas indiscutibles de cada momento culme.

Anuel AA no Reggaeton Beach Festival 2024 de Nigrán
Anuel AA no Reggaeton Beach Festival 2024 de Nigrán | Fonte: GC

JUAN MAGÁN FAI RETROCEDER UNHA DÉCADA AOS AMANTES DO ELECTROLATINO

Unha das sorpresas da noite de onte en Nigrán foi, sen dúbida, o salto de Juan Magán ao escenario como artista sorpresa. Ninguén se agardaba que fose el o que actuaría neste segundo día da quinta edición do Reggaeton Beach Festival. Houbo auténticas carreiras para coller a mellor posición cando se anunciou o seu nome e, sen dúbida, ata algunha que outra bágoa por poder rememorar os mellores momentos da xuventude de moitos a ritmo de electrolatino e as cancións que os acompañaron.

O DJ español saltou ao escenario acompañado do seu corpo de baile, que, mentres el pinchaba e cantaba, sorprendía con pasos únicos. Dando as grazas aos asistentes por elevalo ao máis alto ao longo de toda a súa carreira, interpretou temas como 'Ella no sigue modas', 'Bailando por ahí', 'He llorado', 'Mal de amores', 'Como tú no hay dos' ou 'Por fin te encontré'. E ata tivo un momento de homenaxe aos Hombres G, cando puxo a canción 'Devuélveme a mi chica'. Juan Magán volveu demostrar por que é o DJ indiscutible de toda unha xeración e por que a súa música nunca pasará de moda.

Juan Magán no Reggaeton Beach Festival 2024 de Nigrán
Juan Magán no Reggaeton Beach Festival 2024 de Nigrán | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta