O BNG exixe "medidas urxentes" á crise no sector lácteo e á enfermidade que afecta ós bovinos

A deputada Vidal Galego sinala que a crise vai máis alá da EHE, e que problemas como os contratos baixos de Leite Río agravan a situación dos gandeiros.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/08/2024 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O BNG demandou este luns á Xunta a toma inmediata de "medidas urxentes" ante o incremento de casos da Enfermidade Hemorrágica Epizoótica (EHE) no bovino galego, unha infección vírica transmitida por mosquitos que se propaga coa calor. Así o expresou a deputada do BNG Sonia Vidal Galego nunha rolda de prensa celebrada no Parlamento de Galicia, na que acusou ao Partido Popular de "estar ausente ante a impotencia dos gandeiros".

"O BNG leva meses advertindo de que a enfermidade ía incrementarse co aumento das temperaturas. A resposta do Partido Popular foi unicamente pedir ao Estado unha estratexia e un protocolo común", comentou Vidal Galego. Na mesma liña, tamén engadiu que falta moita información sobre a infección e que son "as asociacións de gandeiros e os veterinarios os que están a facer un traballo que lle correspondería á Consellería do Medio Rural".

A PROPOSTA DO BNG

Na comparecencia, Vidal Galego anunciou as dúas medidas que propón o seu partido co obxectivo de paliar unha situación de "máxima prioridade e urxencia". Por unha banda, a deputada pediulle á Xunta que "modifique e actualice" a orde que xa ten aberta para que poida adscribirse á convocatoria de axudas que o Ministerio de Agricultura vai emitir co propósito de liquidar os danos.

E, por outro, anunciou que o seu partido rexistrou unha iniciativa para este período na que recollen unha partida que pretende indemnizar aqueles casos que fosen vítimas da enfermidade. "As indemnizacións non poden ser só para as mortes; é necesario que contemplen outros aspectos, como a medicación ou a consulta veterinaria. Por iso, presentamos unha partida real", engadiu a política.

PROBLEMAS NO SECTOR LÁCTEO

A deputada do grupo nacionalista comentou, ao longo da súa intervención, que a enfermidade que está a afectar aos animais das explotacións galegas "non é o único dos problemas" no sector lácteo. A renovación dos contratos de Leite Río por baixo dos 40 céntimos e a negativa da empresa Lactalis de recoller leite a gandeiros de distintas comarcas do sector, dixo, súmanse á lista de inconvenientes que "agravan a situación".

Por iso, Vidal Galego manifestou que "a sensación que temos nestes momentos é unha chantaxe da industria fomentado polas políticas do Partido Popular para destruír a todo aquel que non teña unha gandaría de alto nivel".

A deputada do BNG, Sonia Vidal Galego, na comparencia ante os medios de comunicación.
A deputada do BNG, Sonia Vidal Galego, na comparencia ante os medios de comunicación. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta