A Xunta apoia ao sector forestal galego na súa demanda ao Goberno dunha mellora da fiscalidade

A Xunta mostrou o seu apoio á demanda do sector forestal galego ante o Goberno central a favor da mellora da fiscalidade para este ámbito produtivo en impostos que son competencia do Estado, como poden ser o IRPF, o de Sociedades ou o IVE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2024 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

A Xunta mostrou o seu apoio á demanda do sector forestal galego ante o Goberno central a favor da mellora da fiscalidade para este ámbito produtivo en impostos que son competencia do Estado, como poden ser o IRPF, o de Sociedades ou o IVE. Así o manifestou este luns a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tras reunirse con responsables da Asociación Forestal de Galicia encabezados polo seu presidente, Antonio Rigueiro. No encontro, tal e como trasladou a Consellería nunha nota de prensa, tamén participaron representantes da Unión Empresarial da Madeira e o Moble de España (Unemadera) e da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga).

Na reunión, a conselleira puxo en valor o traballo conxunto da Xunta cos representantes do sector para que se poida presentar unha proposta "ampla e ambiciosa" sobre este asunto ante o Ministerio de Facenda. Unha proposta que, tal e como lembrou, está liderada polo sector en liña co desenvolvemento das medidas xa recompiladas no Plan Forestal de Galicia, aprobado en 2021.

DOCUMENTO SECTORIAL

Ademais, destacou que tamén se enmarca no documento sectorial, xa elaborado con anterioridade, de 'Propostas para potenciar a sustentabilidade económica das explotacións forestais en Galicia', onde se recollen iniciativas para lograr un marco fiscal "máis xusto e equilibrado" para a actividade silvícola.

En base a isto, as agrupacións sectoriais a nivel nacional, que engloban os colectivos autonómicos galegos agrupados en 'Xuntos polos Bosques', e co apoio de Greenpeace e WWF, presentarán en setembro o documento de 'Mellora da Fiscalidade Aplicable á Actividade Selvícola' ao Congreso dos Deputados. Esta proposta está a ser presentada aos diferentes gobernos autonómicos, como se fixo este luns coa Xunta.

Neste sentido, o Goberno galego lembrou que os impostos cedidos de titularidade autonómica xa presentan, en maior ou menor medida, unha serie de bonificacións e beneficios fiscais aplicables ao sector forestal. Por exemplo, apuntou, as deducións aplicables ás transmisións de solo rústico ou na cota íntegra de actos xurídicos documentados. Entre as cuestións nas que o Estado pode intervir está conseguir unha maior flexibilidade fiscal no IRFP para aqueles profesionais que, non dedicándose á actividade agrícola, si fan aproveitamento forestal.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantén un encontro con responsables da Asociación Forestal de Galicia
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantén un encontro con responsables da Asociación Forestal de Galicia | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta