O alcalde de Ames reclama unha reunión con Rueda para abordar proxectos "vitais" para o concello

O rexedor de Ames xustifica a importancia desta reunión na "necesidade de colaboración e cooperación entre a Xunta e o Concello" nun mandato que considera "vital para o futuro do municipio"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2024 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

O alcalde de Ames, Blas García, solicitou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha reunión para tratar proxectos "de vital importancia" para o futuro do municipio, como a ligazón do polígono do Novo Milladoiro coa AG-56, a futura praza de Abastos, a depuradora de Sisalde, o polígono empresarial de Bertamiráns ou a promoción de vivenda de protección pública.

Nunha nota de prensa, o rexedor de Ames xustifica a importancia desta reunión na "necesidade de colaboración e cooperación entre a Xunta e o Concello" nun mandato que considera "vital para o futuro do municipio".

Do mesmo xeito, sinala que o Concello é "un referente" en Galicia, tanto a nivel de "crecemento demográfico e saldo vexetativo" como tamén a nivel de "calidade de vida e de oferta de servizos públicos".

Doutra banda, destaca tamén a "relevancia das empresas instaladas no termo municipal, moitas delas referentes a nivel estatal e mesmo internacional".

"Ames necesita á Xunta, pero a Xunta tamén necesita que Ames manteña o impulso que fai que sexa o único concello de Galicia con saldo vexetativo positivo e a media de idade máis baixa de entre todos os concellos galegos. O modelo de Ames funciona e é exportable a outros municipios", expón.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Ames, Blas García, nun acto.. CONCELLO DE AMES
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Ames, Blas García, nun acto.. CONCELLO DE AMES | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta