O 'manicomio' de Conxo: cando a rendibilidade económica era o máis importante e as condicións dos internos, o menos

No momento de máximo apoxeo do psiquiátrico, este chegou a albergar a 1.500 pacientes, con anos nos que morrían 400. As condicións eran de máxima insalubridade, por non falar das condicións inhumanas dalgúns dos tratamentos. Chegou a haber un médico por cada 200 pacientes. Dende o GC, e da man dos guías de 'Patrimonio Invisible', adentrámonos neste escuro lugar!

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/09/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Son moitas as historias que se escoitan en Galicia arredor do antigo psiquiátrico de Conxo, historias que falan das insalubres condicións hixiénicas e das inhumanas técnicas médicas que se aplicaban no lugar que ata non fai tanto se denominaba 'manicomio': terapias de electroshock, trepanación de cráneos, experimentación humana... Dende fai uns anos a teoría é que estas prácticas abusivas sobre os pacientes do sanatorio xa non se levan a cabo, aínda que os informes do Defensor do Pobo relativo ao ano 2017 e un posterior, do 2021, non digan o mesmo. O que si é unha verdade innegable é que, a día de hoxe, a actividade neste psiquiátrico é residual, e queda reducida a un grupo duns 70 internos, moi lonxe da cifra que chegou a albergar na súa etapa de maior esplendor (nos anos 70 acollía a uns 1.500 enfermos). Os diagnosticados con algunha enfermidade mental na actualidade son derivados á área de psicoloxía do Hospital Provincial de Conxo, coa idea, precisamente, de rachar con ese escuro pasado que aínda atormenta a moitos. 

Fachada do Psiquiátrico de Conxo
Fachada do Psiquiátrico de Conxo | Fonte: GC

Dende o Galicia Confidencial, aproveitando a iniciativa do Concello de Santiago 'Patrimonio C' e da man dos guías de 'Patrimonio Invisible', que abre espazos invisibles ou que habitualmente non poden recibir visitas ao público, adentrámonos neste psiquiátrico. Conxo recíbenos nun día gris e murcho propio deste tempo atípico para setembro que estamos tendo este ano en Galicia. As nubes cérnense sobre a fachada dun edificio da época medieval (o lugar foi mandado construír no ano 1106 polo arcebispo Xelmírez para albergar a primeira comunidade de monxas de Galicia) como en recordo do seu escuro pasado. Aprema a choiva mentres atravesamos as súas portas e entramos no recibidor. Un recibidor igual de gris e apagado que o tempo exterior, sen maior graza nin nada reseñable que destacar máis aló dunha placa conmemorativa do ano en que as instalacións foron mercadas pola Deputación da Coruña, en 1969. Cando un chega a el pregúntase: como é posible que ningún familiar quixese ingresar aquí a un ser querido vendo este desolador panorama? Entrando ata o patio a cousa mellora lixeiramente, con algo de vexetación e unha columnas pétreas propias do claustro dunha igrexa e que lembran que o edificio, nun tempo, foi propiedade da Igrexa católica. Aínda así, a cousa tampouco é como para botar foguetes.

UN XARDÍN DE 11.000 METROS CADRADOS QUE AGOCHA O EDIFICIO ONDE VERDADEIRAMENTE SUCEDERON OS ACONTECEMENTOS MÁIS ESCUROS

Sen embargo, o segredo de Conxo, o edificio invisible a ollos da sociedade no que se albergou durante séculos aos pacientes, non está nesta parte que calquera pode ver dando unha volta polo barrio, senón tras os muros do que poderiamos chamar este 'falso psiquiátrico'. Ante os nosos ollos, e tras saír del pola súa parte traseira, ábrensenos hectáreas e hectáreas de terreo axardinado que tinguen de verde o gris do día, facéndonos esquecer case por completo que nos atopamos nun lugar no que aconteceron cousas terribles. Como nos conta o guía, o que actualmente vemos non é nin unha quinta parte do que realmente abranguían no pasado eses xardíns: un 11.000 metros cadrados. De feito, antes de converterse nun psiquiátrico, e cando deixou de ser convento e pasou anos abandonado, os santiagueses da época do romanticismo gozaban de ir a este parque para dar longos paseos nunha contorna idílica e moi propicia para o sentir daquel tempo. Sen embargo, na época moderna diferentes obras e expropiacións foron reducindo o tamaño dos xardíns.

Camiñando por esta verde paraxe pode un sentir que se atopa no campo, como se non houbese a tan só uns metros de distancia o balbordo dunha gran cidade como é Compostela. Cantos de paxaros e augas correndo son os sons que un pode apreciar e que se mesturan co cheiro a humidade tan característico destes lugares de Galicia nos que a pedra é a base de todas as grandiosas construcións. Sen saírnos do camiño principal (aínda que non faltan as ganas de facelo para poder seguir deleitándose neste xardín), chegamos ata o que é verdadeiramente o edificio principal do psiquiátrico de Conxo. Nada ten que ver co que se ve dende fóra, acabouse a pedra con musgo e a arte medieval e barroca, as formas son limpas e modernas, de cemento, tendo como únicos elementos a destacar tres impoñentes esculturas que coroan a parte dereita, o medio e a parte esquerda da fachada, e que representan a varias virxes, entre elas a da esperanza, cunha ancla que lembra que tampouco se debe voar moi alto con ese sentimento.

VENDÍASE ÁS FAMILIAS DOS ENFERMOS COMO UN LUGAR DE DESCANSO E PAZ, RODEADO DE GRANDES LUXOS, PERO NON TIVO CALEFACCIÓN ATA 1975

É neste edificio, dividido en catro pabillóns, onde verdadeiramente transcorreron as épocas sombrías do manicomio. Os antigos propietarios do mesmo (Timoteo Sánchez Freire, Olimpio Pérez Fernández, José García Mouriño e Juana Blanco Navarrete, aos que habería que sumar a propia Igrexa Católica) tiñan un interese económico enorme e, na procura de beneficios, tiveron que darlle un lavado de cara ao aspecto inicial para que as familias máis ricas da contorna aceptasen levar alí aos seus parentes. E é que, en Conxo, tamén existían as clases sociais: dentro do complexo, quen máis pagase máis privilexios ía ter e mellor ía ser tratado. Ademais, a imaxe dun antigo convento non era propicia para atraer a estas persoas, polo que se creou toda unha ostentosa infraestrutura que, aínda hoxe, abraia a calquera visitante. O que sería o 'hall' do edificio, é dicir, onde se recibía ás familias para contarlles as virtudes do mesmo, era un espazo decorado ao máis puro estilo francés, con altos teitos, unha escaleira maxestuosa de dous tipos de mármore e lámpadas de araña con milleiros de pequenos cristais. A luminosidade desta estancia xa nada tiña que ver co que vimos nun comezo. Na parte superior da escaleira estarían os despachos nos que o director por aquel entón do 'manicomio' vendía a película aos incautos familiares.

Nun folleto que se conserva da época e que nos puido ensinar o noso guía, fálase de Conxo case coma se se tratase dun atractivo turístico, comparándoo mesmo cos balnearios de gran prestixio da época: o dos Ánxeles (en Brión, a uns quilómetros de Santiago) e o da Illa da Toxa (no Grove). Vendíase coma un lugar de descanso, paz e reflexión que contaba cos tratamentos máis punteiros para a época e cos mellores profesionais ao servizo dos pacientes. Agora ben, case como acompañamento a este folleto facíase preciso tamén falar da división de clases. Conxo ofrecía catro paquetes aos seus internos, cuxo custe, loxicamente, era asumido polos familiares. Así, os enfermos de primeira clase contaban con vantaxes como ter unha dependencia individual, con criado e catro pratos no almorzo; os da clase máis baixa xa só tiñan un prato e, por suposto, nada de criados. A comida era unha das cousas que marcaba esa diferenciación entre clases. Ademais, no psiquiátrico tamén se acollía a aquelas persoas que non tiñan recursos para pagar un lugar no que tratarse, os chamados desamparados, só que as súas condicións non eran, nin de lonxe, as mellores. Goteiras, humidades, racionamento da comida... Un bo exemplo para comprender a situación é que o edificio, de pedra, non contou con calefación ata o 1975.

HOUBO ANOS DE ENTRE 100 E 400 MORTOS, O QUE OBRIGOU A CONSTRUÍR UN CEMITERIO PROPIO, NO QUE AÍNDA SE CONSERVA A MESA DE AUTOPSIAS

Conxo chegou a albergar na súa época de máximo apoxeo a 1.500 enfermos, se ben case cada día entraban moitos e saían moitos, pero mortos. Un ex médico contou nas súas memorias que lembraba anos de 100 mortos e, tras a súa saída do psiquiátrico, mesmo de 400. Hai que entender, chegados a este punto, que neste lugar non só entraban os enfermos mentais no sentido máis estrito da palabra, senón tamén persoas con sífilis, enfermidade que se cobraba a vida de moita xente na época e que, no seu estadío máis avanzado, podía cursar tamén con alucionacións. Sexa como fose, de seguro que as condicións insalubres axudaron a todas estas mortes. E onde ían parar todos eses corpos? Nun primeiro momento enterrábanse no cemiterio municipal de Conxo, pero tras as protestas dos veciños e a falta de espazo no mesmo, creouse un cemiterio propio dentro do terreo do psiquiátrico. De feito, o edificio de acceso a ese cemiterio mesmo conserva a mesa de autopsias, algo que era obrigatorio que tivese todo cemiterio naquela época. A construción atópase en moi mal estado, co teito caído polo paso do tempo e a humidade, o cal lle confire aínda un aspecto máis tétrico, se cabe, a esa mesa.

Xa no cemiterio como tal, a sensación cambia case por completo. Trátase dun espazo de xardín no que as lápidas e as cruces se atopan dispersas dentro dun terreo delimitado por un muro. Hoxe por hoxe hai poucas para todos os mortos que hai rexistrados, e para todos aqueles que non quedaron rexistrados, pero que se sospeita que houbo. Moitos factores influíron na redución do número de enterramentos: inundacións que se levaron esqueletes por diante, as obras da estrada colindante que obrigaron a derribar parte do cemiterio orixinal, levantamentos para realizar prospeccións... A día de hoxe podemos contar unha vintena de tumbas con lápida e ao redor dun cento de cruces feitas con alambres e madeira que non teñen o nome. Moitas delas é porque non se sabe realmente a quen pertencían, pois eran mortos que chegaran ao psiquiátrico sen recursos e sen familia. Outras tan só tiñan o número co que se lles marcaba a pel naquel tempo no que poder identificalos polo nome para os traballadores era misión imposible: os recursos chegaron a quedarse tan escasos que chegou a haber un médico por cada 200 pacientes. Tamén neste cemiterio se atoparon con posterioridade cráneos trepanados, procedentes dunha época na que se pensaba que o tamaño do cráneo e do cerebro permitían identificar os problemas mentais que ía ter a persoa.

Ata aquí chegou a nosa visita, pero, sen dúbida, saímos do psiquiátrico de Conxo sendo aínda máis conscientes de que realmente nel pasaron cousas que non interesaba contar á sociedade e que, verdadeiramente, foi o lugar de tormento á vez que de perecemento de milleiros de persoas. Esta e outras moitas historias son as que permite descubrir a iniciativa 'Patrimonio Invisible', unha oportunidade única de achegarse ao pasado (e presente) das cidades dende unha mirada histórica e artística. Ao final, coñecer a nosa historia pasada axúdanos a non cometer os mesmos erros no presente e a non repetilos no futuro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Arteixá

Que vergonza pretender sacra rendemento económico da enfermidade e sufrimento alleos. Como os señores médicos non fixeron absolutamente nada para denunciar a situación? Despois éncheselles a boca co xuramento hipocrático para obxectar á eutanasia.