Por admin | As Pontes | 14/09/2024
Colectivo Bidán: Quico da Silva e Fernando Branco
Mais o que interesa non é a diagnose, é o tratamento, saber como se fai esa suposta “transición xusta” que, neste caso concreto, por moita propaganda que haxa, non deixa de ser unha dura reconversión.
O peche da Central vai levar aparellado unha significativa perda de ingresos económicos no Concello, uns 2,5 millóns de euros/ano, perda que puido terse demorado nuns 5 anos pero á que o Alcalde renunciou por pasividade, ou mesmo compensarse, opción á que o PSOE se opuxo no Congreso. Dita perda vai supor unha baixada enorme no conxunto dos gastos, tamén no de subvencións municipais, como xa ten anunciado o Alcalde en varias ocasións; e lembremos que a súa política sustentouse todos estes anos nas subvencións, non houbo moita diferenza a respecto das políticas practicadas por Baltar.
Un dos problemas máis graves e preocupantes é a carencia de chan industrial, logo de máis de 17 anos sen facer nada, por moito que se publicite As Pontes como “Paraíso Industrial”; e agora, por unha suposta urxencia e desprezando outras alternativas estudadas polo Concello dende 2019, preténdese xustificar a demolición de tódalas instalacións da Central Térmica na necesidade de ter solo industrial, un chan que, de selo, sería privado, de Endesa, e que ademais non estaría dispoñíbel antes do 2030, con todos os plans de axudas á xeración de emprego xa rematados. Outra cortina de fume da Alcaldía para tapar as súas miserias.
Mais os cambios non só son económicos, tamén demográficos e moi importantes, que afectan á prestación de servizos básicos e esenciais, como o sociosanitario e o educativo; As Pontes perde poboación, xa baixou dos 10.000 habitantes, e envellece a un ritmo acelerado, cun 1,26 na ratio de persoal activo por pensionista, cando na Galiza é de 1,58; lembremos que as provincias de Lugo e Ourense son as da ratio máis baixo do Estado e, As Pontes xa está por baixo do 1,32 de Lugo.
Isto provoca novas necesidades que tampouco foron previstas, como a dunha Residencia Pública de Maiores, anunciada en todos e cada un dos procesos de eleccións municipais, e van catro, mais incumpridas todas e cada unha desas promesas. A xente maior que construíu esa vila debe buscar alternativas fóra.
Tamén foi anunciado hai anos un PXOM que aínda hoxe non existe, e hai na vila centos de vivendas fóra de ordenación, coa inseguridade xurídica que crea para as persoas propietarias, situación mesmo descoñecida para algunhas delas; e este goberno do PSOE regulou en 2007, acabado de chegar, un único caso dunha vivenda concreta deixando todo o resto neste limbo, sen xustificación e explicación algunha.
Agora Endesa, logo de explotar todo o carbón, de mudar en varias ocasións a contorna da vila -no hai tanto tempo que inutilizou a principal estrada de saída cara a Ferrol ou Pontedeume-, sempre aplicando o dereito á expropiación que lle outorga a súa condición de empresa eléctrica, pretende derrubar as instalacións da Central Térmica, que non quede vestixio e, sobre todo, que non teña que asumir responsabilidades futuras coa vila das Pontes. E o Concello, a modo de cómplice necesario, facilítalle a fuxida, concedendo a licenza municipal para a demolición en sete meses, cando para outras obras de moito menor importancia, como poñer un ascensor nunha vivenda privada, tardan case un ano.
Mais As Pontes, por moito que se queira vender o mantra da submisión, sempre foi un terreo difícil para Endesa; tanto no sindical, como no social e veciñal, pódese comparar a capacidade de resposta con calquera outra vila onde tamén tivo instalacións Endesa, non hai cor. Só imos dar dous exemplos (hai moitos), o peche na cheminea e a carga policial en Pontedeume, con dous feridos, un deles unha nena de dous anos. E por se quedaba algunha dúbida, o último Convenio Colectivo de Endesa, veu demostrar claramente a diferenza entre a dinámica sindical que se xeraba nas Pontes durante moitos anos e cunha chea de conflitos e o entreguismo dunha organización do sindicalismo estatal.
E, precisamente nestes momentos, por moito que se queira ocultar mediante a desinformación institucional ou a ausencia da mesma pola empresa, o debate social céntrase na pretendida demolición das instalacións; os motivos poden ser múltiples, dende quen ve unha fuxida, a quen considera e valora o seu valor patrimonial, tamén para moita xente sentimental, de representación dunha vila, ou, tamén, quen non sabe que gaña As Pontes con tirar todo e deixar un solar, xa que solares hai moitos, estruturas singulares como as da Central case que ningunha.
Está As Pontes nunha encrucillada: esperar, sen concretar o tempo, por un pretendido futuro do que de momento só hai anuncios, ningunha realidade e moitas incertezas, ou inicialo xa no presente mantendo vínculos co seu pasado industrial e poñer en valor esas instalacións. Pero hai algo máis, tamén chegou a hora de enfrontar as necesidades que o paso do tempo foron facendo cada vez máis urxentes; xa levamos moitos anos convertendo a nosa vila nunha especie de “parque de atraccións” permanente, todo a base de subvencións. Eis o reto.
E a resposta social, plural e diversa, ás pretensións de demolición total son un exemplo, e dan pé á esperanza; como era previsíbel, ademais de xente de xa certa idade neste proceso, tamén hai moita xente moza (canto se agradece), que, mais unha vez, confirman como se foi construíndo a nosa vila, sempre autoorganizándonos e mobilizándonos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.