GC Aberto

Acta Premios Bacelos de Prata 2024

Sendo as 19:30 horas do día 6 de setembro de 2024 reúnense no Pazo dos Ulloa, en Esposende-Ribadavia, D. Avelino Muleiro García, presidente da Asociación Álvaro das Casas; D. Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador; D. Clodio González Pérez, etnógrafo; D. Xosé Carballido Présas, enxeñeiro técnico da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e coordinador da IRGADE (Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros); D. Cándido Vázquez Mosquera, propietario da Casa dos Ulloa; D. Celso Domínguez, colleiteiro e Dna. Carme Pérez Vaquero, secretaria da Asociación Álvaro das Casas coa finalidade de valorar as propostas presentadas na XVI edición dos premios Bacelos de Prata. Logo de deliberaren sobre as mesmas acordan conceder os premios do ano 2024 a:

Por xoseglezmtnez | Compostela | 10/09/2024

Comparte esta noticia

ADEGA PAZO LALÓN, S.L. da denominación de orixe Ribeiro situada na localidade Barro de Gomariz, no concello de Leiro (Ourense) que desde o ano 1992 elabora viños botando man da máxima tecnoloxía pero fieis a unha maneira de facer tradicional utilizando desde os seus inicios a lingua galega como sinal identitaria e garantía de orixe dun produto elaborado no país coa máxima calidade. Os seus viños PAZO LALÓN e EDUARDO BRAVO, elaborados con castes autóctonas Treixadura, Albariño, Loureira ou Torrontés están presenten en tendas especializadas, vinotecas e gran número de restaurantes levando o noso idioma con orgullo alí onde se comercializan. Resalta o xurado a importancia da aposta que fan pola lingua galega que espallan tamén a través da publicidade, páxina web e redes sociais.

Viño da Adega Pazo Lalón
Viño da Adega Pazo Lalón | Fonte: CG

KALEKOI, empresa constituida no ano 2014 no concello de Rodeiro (Pontevedra) coa vontade de revitalizar 40 hectáreas de terras familiares dedicadas ao pastoreo da gandería poñendo en marcha un proxecto innovador que puxera no mercado produtos elaborados co leite das súas vacas: iogurt natural, con froitas de temporada; mel; noces, figo, etc... e tamén kéfir e leite fresco. A marca Kalekoi en 10 anos de existencia convertéuse nun produto de referencia nos mercados pola súa calidade, pero tamén polo seu esmerado deseño que leva un sinal de identidade propio como é a lingua galega na súa etiquetaxe, páxina web; publicidade, etc, sendo comercializados en grandes superficies de alimentación. Considera o xurado que a aposta que fan polo uso da lingua galega constitúe un feito positivo para o seu espallamento entre  os consumidores e consumidoras. 

Sendo as 20:45 horas levántase a sesión do que como secretaria dou fe asinando ao pé os membros do xurado. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta