GC Aberto

Independencia do poder xudicial. Balón de osíxeno para o val de Barcia e o Monte Xalo

Na Asociación Salvemos ou Val de Barcia e ou Monte Xalo, fomos notificados recentemente do auto da sala 3 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) no que, en data 18 de xullo de 2024, acolle a solicitude desta Asociación suspendendo preventivamente a autorización administrativa e de execución das obras do parque eólico “As Encrobas”, situado maioritariamente no concello de Carral e, nunha pequena parte nos concellos de Ordenes e Cerceda. Queda por tanto suspendida a eficacia da resolución administrativa da Xunta de Galicia, do 17 de abril de 2023, que impugnou a nosa Asociación.

Por admin | A Coruña | 23/09/2024

Comparte esta noticia

Asociación Salvemos ou Val de Barcia e ou Monte Xalo

Proxecto Do Parque Eólico As Encrobas. ASOCIACION SALVEMOS Ou VAL DE BARCIA E MONTE XALO
Proxecto Do Parque Eólico As Encrobas. ASOCIACION SALVEMOS Ou VAL DE BARCIA E MONTE XALO

Auto do TSXG non prexulga o que no seu día declare a súa sentenza  sobre o noso recurso contencioso administrativo no que pedimos a nulidade da autorización administrativa e de execución do parque. Trátase dunha medida cautelar limitada no tempo, ao apreciar que esta Asociación presentou poderosas razóns ambientais que poñen en dúbida a idoneidade do emprazamento desta instalación enerxética, e tamén poñen en dúbida a reversibilidade da situación ambiental que pode crearse coa súa execución.

Resultando acreditada a existencia do risco inherente á actividade de construción e explotación do parque,  o TSXG  entende que, na ponderación de intereses en conflito neste momento,  a protección do medio ambiente ha de ser dominante ata que se pronuncie sobre o fondo do asunto. E que na recente normativa europea estatal e autonómica, para procurar a maior axilidade administrativa posible na posta en funcionamento de enerxías  renovables, non se atopa ningunha referencia a que se poida facer á conta de relaxar os estándares de protección do medio ambiente.

É destacable a profunda  análise realizada polo TSXG en relación ás  razóns e informes expostos na nosa solicitude, así como dos argumentos esgrimidos pola parte demandada (Administración da Xunta de Galicia e Naturgy). Xustificando detalladamente a consideración dalgunhas e o rexeitamento doutras, alcanza unha disposición cautelar que contradí totalmente o acordo de denegación  de suspensión cautelar en vía administrativa, adoptado pola Xunte de Galicia, en xullo de 2023. É convicción da Sala que as obras previstas, pola súa propia natureza e a interacción coa contorna, son susceptibles de causar un grave dano a valores ambientais sensibles.

Entende a Sala que o conxunto de datos do informe elaborado pola nosa Asociación en relación á afección dun hábitat de interese comunitario, no que habitan especies ameazadas, coa categoría de vulnerables ou en perigo de extinción  ofrece unha aparencia de verosimilitude suficiente para considerar concorrente un risco concreto e certo para especies vulnerables ou en perigo de extinción a consecuencia directa das obras.  Quedando constancia no Auto que os informes da administración evitan afirmar que non existen esas especies e que, tanto esa administración como Naturgy non discuten que as obras vaian ter lugar  no espazo caracterizado no noso informe.

Tamén entende a Sala que neste caso en concreto a localización na  que se proxectan construír as instalacións eólicas é susceptible de ocasionar unha perturbación significativa sobre a saúde das persoas e o benestar dos animais debido á escasa distancia dos xeradores aos núcleos de poboación e ás granxas en produción, que constitúen un dano de difícil reparación, ao incidir, en relación aos humanos, sobre os dereitos fundamentais á integridade física e á vida privada e familiar dentro do domicilio.

Resultando relevante para o TSxG a constatación, a través de informes presentados por esta Asociación, que non foron desacreditados polos escritos de oposición dos demandados (administración e Naturgy), da existencia de edificacións de uso residencial, fóra de núcleo, a menos de 500 metros dalgún dos xeradores, e un importante número de núcleos entre os 500 e 1.000 metros. Así como a achega de referencias de exceso de ruído sobre poboación e animais en relación aos máximos admitidos legalmente en función do tipo e uso do chan,  que se aproximan aos 5 decibeis. Infrinxindo a norma aplicable. A sala considera suficientemente acreditado que os ruídos que xeren a construción e a explotación do proxecto poden ocasionar perturbacións significativas no benestar e a saúde das persoas.

A normativa vixente establece, con vixencia do 27 de decembro de 2021, unha distancia de seguridade que busca a compatibilidade do desenvolvemento eólico coa ordenación do territorio e o urbanismo. Sendo neste caso concreto de 1.000 metros entre os aeroxeradores e as delimitacións de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, dada a altura de 200 metros dos xeradores previstos. Nesta situación o TSXG entende que resulta dificilmente explicable á cidadanía que, polo mero feito de admitirse a trámite a solicitude do parque antes desa data, sexa considerado admisible unha distancia de seguridade de 500 metros, e por tanto inocuo para a vida e a saúde das persoas, aínda que esa distancia estea  recoñecida nunha disposición transitoria. o TSXG aprecia aquí un indicio de que as distancias previstas no proxecto poden ocasionar un dano ás persoas unha vez que a instalación industrial eólica estea en funcionamento, concluíndo que  dificilmente o proxecto respectará a compatibilidade do desenvolvemento eólico coa ordenación do territorio e do urbanismo.  Ao anterior a Sala engade que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico desaconsella para todo o Estado a instalación de aeroxeradores a menos 1.000 metros, o que lle vale a cualificación de zonificación negativa a varios dos aeroxeradores proxectados  no parque eólico de As Encrobas.

Dende a nosa Asociación agradecemos á Sala 3 do TSXG a realización ata o de agora do seu traballo de forma profesional e mantendo a independencia do poder xudicial, desatendendo as presións ás que se viu sometida, polo menos das que somos conscientes a través dos medios de comunicación, promovidas en gran parte polo poder executivo na nosa Comunidade e pola Asociación Eólica de Galicia. Traballo que nos vimos obrigados a ocasionar  través da nosa interposición de recurso de alzada e solicitude de suspensión cautelar, como consecuencia do silencio administrativo da Xunta de Galicia como única resposta a nosa recurso de alzada e á denegación de suspensión cautelar en vía administrativa, sen analizar os nosos argumentos. 

Destacando que, con este Auto da Sala, é a primeira vez que uno dos poderes públicos presta atención e estuda o contido das nosas demandas ao longo deste longo periplo desde a nosa creación, tras a publicación en agosto de 2021 da información pública desta instalación por parte da Xunta de Galicia. Isto dános certa tranquilidade no sentido de que esperamos o mesmo tipo de dedicación da Sala á hora de axuizar o fondo do asunto e resolver acertadamente sobre a nosa solicitude  a través da que pretendemos a anulación da autorización deste parque .

O poder executivo, a través da administración da Xunta de Galicia, non nos fixo copartícipes na definición do proxecto, non realizou as consultas preceptivas ás persoas interesadas, non contestou as alegacións presentadas á información pública, aplicou o silencio administrativo aos nosos recursos de alzada, e denegou administrativamente todas as peticións de suspensións cautelares, actitudes que demostran unha falta total de consideración para os cidadáns en xeral e para a  participación obrigada por Lei dos interesados por estar directamente afectados, disimulada coa formulación dunha Declaración de Impacto Ambiental na que tampouco se considera a participación da cidadanía afectada. E un posicionamento incondicional a favor da promotora, que para verter a exigua cantidade de 50 MW/h no sistema eléctrico pretende colonizar un territorio eludindo os estándares de protección do medio ambiente. O que, ao noso xuízo consiste no denominado, “arbitrariedade da administración”, que non é outra cousa neste caso que a infracción da norma nunha actividade que está regrada.

Consideramos importante subliñar a identidade da nosa Asociación poñendo de relevo que está constituída por cidadáns con residencia e/ou intereses dentro e nas proximidades da poligonal do parque definida no proxecto, directa ou indirectamente afectados no seu caso  as obras e pola explotación durante a vida útil do mesmo, independentemente das nosas preferencias políticas e dos nosos credos. Pero implicados no coñecemento, valoración e defensa do medio ambiente na base territorial do Val de Barcia e do Monte Xalo, onde nacen os ríos Barcés, Valiñas e Anllóns, e onde se desenvolve a nosa vida e as nosas actividades económicas.  Sistema de sociedade que queremos manter dentro da senda dun desenvolvemento sostible. Para o que queremos harmonizar a protección do  medio ambiente co crecemento económico e a inclusión social, satisfacendo as necesidades presentes sen comprometer ás xeracións futuras a capacidade de satisfacer as súas propias necesidades. Obxectivos fixados pola ONU na súa reunión de 2015  da que deriva a axenda 2030.

                                              Val de Barcia e Monte Xalo, 23 de setembro de 2024

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta