GC Aberto

Madrid DF na disolución de España

Non se pode dicir que Barcelona non o intente. Agora, a editorial Arpa saca 'Madrid DF', un libro que explicita de modo estrepitoso o elefante madrileño na cacharraría española. Enric Juliana e Pedro Vallín semellan estar detrás da enésima performance parlem/hablemos tentando centrar na cuestión madrileña o debate sobre a reforma e viabilidade do Estado español.

Por admin | VIGO | 15/10/2024

Comparte esta noticia

Oscar Pazos, autor de 'Madrid es una isla'

Imaxe de recurso da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press
Imaxe de recurso da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press

Fernando Caballero, autor de 'Madrid D.F.', arquitecto, urbanista, madrileño e madridista, é o cabalo de Troia para meter o debate no Rompeolas de las Españas. Non podo dicir até que ponto o autor mesmo é consciente do xogo, se tanto lle ten, ou se acredita inocente nos seus propios planos. Abofé, tamén non pode ser esquecido que, como calquer feira, esta ten moito de negocio puro e duro: hai que vender libros, encher titulares e dar que falar; aí estarían todos de acordo e seica trátase apenas diso. Como fora, non hai máis que botar un ollo á recepción do libro nos medios da capital1 para decatarse que o debate de Madrid DF foi relegado ao subsector Cultura/Urbanismo; unha cousiña de PAUs e PERIs no Grande Morgado España. Aí ficará, fóra da política explícita.

Canto ao fondo da proposta, de feito hai pouca novidade ou, mais ben, ningunha. As ambicións de FC para Madrid son, no substancial, as mesmas que as daquel outro proxectista do Madrid liberal, Mesonero Romanos: converter a capital na grande metrópole que poida ollarse de igual a igual con París ou Londres. Estamos a tratar co secular complexo de inferioridade, imperiofilia e reacción da hispanidade, o vello estrume para o fascismo español.

O contexto de FC si muda, e moito, a respeito do de MR. O mundo que pinta FC xa non ten a Europa como centro, que apenas resiste coma un recuncho á defensiva. O mundo actual ten moitas máis cidades e centros a extraer/mamar do teto global é, por tanto, FC píntao coma un mundo minguante no que cada vez hai menos para repartir. A ollada á globalización de FC é estarrecedora e despiadada, un neo-maltusianismo global que sustentaría unha estratexia miserabel e miserabilista: hoxe no mundo global os gañadores lévano todo, e para os perdedores (ou sexa, España) restan cada vez menos migallas. Neste ambiente decadente e crú, o que Madrid oferta á España submisa/insubmisa é unha versión da coñecida teoría dos derrames económicos: a riqueza que poida apañar o novo Madrid DF global pingaría aos menesterosos periféricos subordinados. É todo. A teoría mesma dos derrames tamén foi asumida e posta en práctica dos 80s polos neoliberais ianquis trala crise do petróleo e a consciencia dos límites planetarios, así que nada novo por aquí tampouco. Porén, esta é a triste proposta de Madrid D.F.: sacrificar España para impulsar o foguete madrileño como cidade global que poida, en troca, espallar pingas de riqueza global a uns expañois convertidos en madrileños periféricos. A cousa é un mal chiste: morte ou miseria, en todo caso derrota.

A Expaña que oferta FC é, naturalmente, para saír correndo, e a estratexia de Juliana é facer soar con ela tódalas alarmas para pór o foco sobre onde ninguén en Madrid quere poñelo: no buraco central polo que se baleira España. Teño cero dúbidas que os medios de comunicación madrileños apagarán, dun xeito ou doutro, esta enésima tentativa de reparar España dende BCN, por moito que artellen con finezza italiana dende La Vanguardia. Por este lado paréceme que a operación ten curto percorrido político, se algún. O que si acho de interese para o debate no intre político que vivimos é esa decidida, seica definitiva, aposta na capital pola latinoamerización de Madrid-Expaña, unha deriva de feito xa denunciada2 e que o urbanista usa como argumento e modelo. 

En 'Madrid és una illa' advertía que de continuar a tendencia, o crecemento depredador levaría á capital cara a unha posición equivalente á que Seúl ocupa respecto de Corea do Sur, mais que Moscú e México eran de feito 'os modelos culturais máis próximos' ao capitalismo madrileño. Semella claro que a oligarquía madrileña está optando polo modelo mexicano, de feito o latinoamericano. Seica a escolla é lóxica considerando a miopía e o servilismo constitutivos das élites madrileñas, mais non por iso menos significativa do fracaso que espera a esa estratexia globalista de Madrid, totalmente suicida.

As elites madrileñas levan décadas tratando de facer da capital unha cidade-hub-peaxe entre Latinoamérica e Europa, sen se decatar que a globalización o que tende é xusto a eliminar esas peaxes. RyanAir impuxo seu modelo de transporte aéreo dende a periférica Irlanda desviando os avións dos grandes aeroportos, e acreditar que Iberia pode recapitalizar o transporte aéreo por Barajas ou Madrid os fluxos económicos entre Latinoamérica con Europa pola Castellana e o barrio de Salamanca, é puro pensamento máxico. O feito de que as élites extractivas madrileñas, elas mesmas servís e aculturizadas nos modelos neoliberais, se vexan tan ben reflectidas no espello das elites extractivas latinoamericanas non proba outra cousa que completamente cooptadas que están unhas e outras polos mesmos modelos norteamericanos, en dependencia por tanto dos centros globais xa existentes en Miami, Los Ángeles, Harvard, Houston ou Washington. O propio autor de Madrid DF usa como modelos de futuro para España A Florida ou California, unha idea que de feito resóanos aos galegos co conto aquel da Galifornia, invento mesmo rexistrado legalmente polo empresariado vigués moderniki . A realidade é que mesmo quen de Buenos Aires ou México, por dicir, queira ir a Londres, París, Bruxelas, Xeneva ou Franckfurt, dende logo non pasará por Madrid a pedir permiso. Canto menos, como puidemos comprobar coa guerra da Ucraína, os oligarcas rusos que fundían as rapinas da Rusia nos luxos do xardín europeo coma se lles queimasen nas mans estaban suxeitos a unhas élites moscovitas aínda teimudamente nacionalistas e defensoras da propia independencia. Madrid ou México DF carecen por completo de élites con calquer proxecto nacional integrador, mesmo de carácter autoritario. 

Abofé, se Latinoamérica ten algo de valor que ensinar ao mundo, uns sistemas de normas que poidan servirnos de referencia, non sairán desas elites extractivas, golpistas e racistas que buscan masas de traballadores servís e acubillo en calquera paradiso fiscal, senón precisamente nas múltiples loitas contra esas élites, nas experiencias políticas do indixenismo e nas interacións que aquí e alá están a explorar entre as loitas políticas, nacionais e ecolóxicas de todo tipo. É aquí onde Latinoametica está a ser un centro global.

1https://www.elconfidencial.com/cultura/2024-09-29/madrid-diez-millones-de-habitantes-metropolis-europa_3969930/

https://www.cuatro.com/noticias/cultura/20241002/fernando-caballero-urbanista-madrid-df_18_013599884.html

¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta