O PP urxe constituír a comisión sobre a reforma do financiamento coa meta de ter ditame antes de fin de ano

A comisión que investigou a fusión das caixas galegas continúa sen conclusións 12 anos despois

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2024 | Actualizada ás 16:27

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario Popular solicitou, segundo anunciou o seu portavoz parlamentario, Alberto Pazos, que se constitúa "no menor prazo de tempo posible" a comisión de estudo sobre a reforma do financiamento autonómico, co obxectivo de elaborar o ditame definitivo tras as comparecencias e a documentación que se achegou na pasada lexislatura, coa oportunidade de incorporar, se procede, informes actualizados.

Pazos, quen ratificou que o obxectivo sería que as conclusións estivesen listas antes de fin de ano, esgrimiu que isto permitiría non só pechar esta comisión senón tamén "servir de apoio" ao Goberno galego no marco de "unhas necesarias negociacións multilaterais que se deberán realizar" no marco da reforma de financiamento autonómico, ben a través da Conferencia de Presidentes ou dun Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF).

Non en balde, o portavoz popular remarcou que agora se vive "un momento preocupante" con respecto do financiamento autonómico, dado que dirixe o país un Goberno "totalmente débil" e "a mercé do independentismo catalán" logrando "inaceptables compensacións" polo seu apoio "para manter a Sánchez na Moncloa e nomear a Salvador Illa como presidente da Generalitat".

"Primeiro foi a condonación da débeda a Cataluña e agora a cota catalá, co que iso suporá de diminución no financiamento para as demais comunidades", esgrimiu, antes de remarcar que o Parlamento de Galicia "non debe quedar quieto nin calado, como pretenden tanto o BNG, para non molestar aos seus aliados independentistas cataláns; como os socialistas galegos, para non estorbar nin entorpecer a continuidade de Sánchez".

"Urxe elaborar un documento no que se recollan as conclusións desta comisión de estudo", esgrimiu, antes de lembrar que nos informes dos expertos "quedou claro o rexeitamento a estender o modelo de cota ou a cesión significativa de máis porcentaxe do imposto sobre a renda, medidas que porían en risco a capacidade de redistribución do Estado e serían especialmente prexudiciais para Galicia polas súas maiores necesidades de gasto dada a dispersión e o maior envellecemento da súa poboación".

A COMISIÓN DE CAIXAS SEN DITAME

Doutra banda, o portavoz popular evitou concretar se confía en que esta sexa a lexislatura na que haxa ditame da comisión que se activou no ano 2012 no Parlamento de Galicia para analizar a fusión das caixas. "Por agora está sen constituír e pronunciarémonos cando se chegue a esta situación", limitouse a manifestar.

Si aproveitou para avanzar que está previsto que a semana próxima teña lugar o debate do relatorio da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, o que deixaría esta norma só pendente da súa aprobación definitiva en pleno.

O portavoz parlamentario do PP de Galicia, Alberto Pazos Couñago
O portavoz parlamentario do PP de Galicia, Alberto Pazos Couñago | Fonte: PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta