Por Galicia Confidencial | Verín | 04/12/2024 | Actualizada ás 09:00
O Concello de Verín vén de recibir dúas subvencións que axudarán ao concello a asumir dous importantes investimentos. Por un lado unha de 663.994,76 euros, concedida pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, como parte do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, que mellorará a depuradora de augas residuais; e por outra banda unha achega de 710.821,10 euros da Concesellería de Política Social da Xunta para dotar ao municipio doutra gardería.
A axuda para mellorar a EDAR permitirá financiar o 50% do proxecto de mellora da liña de auga e da eficiencia enerxética da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Verín, cun investimento total de 1.327.989,52 euros. En palabras do alcalde de Verín, Gerardo Seoane, "este proxecto dá resposta a necesidades críticas detectadas no sistema de saneamento e depuración de augas residuais. Actualmente, a EDAR opera por riba da súa capacidade, tratando 540 m³/h, cando o seu límite óptimo é de 340 m³/h. Ademais, as infiltracións na rede de saneamento dilúen as augas residuais, dificultando o proceso de depuración".
As devanditas obras modernizarán a infraestrutura, tras 30 anos en funcionamento, reducirá infiltracións e suporá un importante aforro económico e ambiental reducindo tamén o custe de mantemento que se estima nun aforro anual de 150.000 euros.
BENEFICIOS PARA O SECTOR INDUSTRIAL
Segundo fontes do concello, este proxecto beneficiará sectores clave da economía da comarca, como as embotelladoras de auga mineral (Cabreiroá, Sousas e Fontenova), as adegas da Denominación de Orixe Monterrei e o matadoiro comarcal. As melloras garantirán un servizo eficiente para as industrias actuais e facilitarán a implantación de novas empresas.
A modernización permitirá incrementar a capacidade de tratamento da EDAR ata 600 m³/h o que fará posible tamén atender ás novas áreas industriais previstas no Plan Xeral de Ordenación Urbana e ás poboacións veciñas con sistemas de vertido deficientes, garantindo tamén soporte para futuros desenvolvementos urbanos e industriais
UNHA NOVA GARDERÍA MUNICIPAL
Outra gran nova que anunciou recentemente o equipo de goberno foi a creación dunha nova gardería pública para nenos de 0 a 3 anos, que ademais será xestionada directamente polo propio municipio.
Este proxecto será posible grazas a unha subvención de 710.821,10 euros concedida pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia --a través dos fondos europeos Next Generation--, para a creación de devandito centro. A iniciativa permitirá atender unha demanda histórica coas familias do municipio, ampliando e mellorando os servizos públicos esenciais.
Desde o grupo de goberno salientaron a importancia deste investimento: "Este proxecto responde a unha necesidade longamente reclamada pola nosa veciñanza. Con esta nova gardería, Verín dá un paso adiante en conciliación, educación e apoio ás familias, piares que consideramos fundamentais para o desenvolvemento da nosa comunidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.