O uso de español e inglés na CRTVG permitirá proxectar Galicia "ao mundo", din desde o PP

Así o manifestou a deputada do PP Carmen Pomar, encargada de defender a postura do grupo maioritario durante o debate dunha iniciativa do BNG que reclama a retirada do anteproxecto aprobado pola Xunta en xullo

Por Europa Press / Redacción | Santiago | 10/09/2024 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

O PP defendeu a flexibilización do uso doutros idiomas, máis aló do galego, nos contidos da CRTVG que se contempla na reforma da lei de medios deseñada polo Goberno galego, pois entenden que o emprego de linguas como o español ou o inglés permitirá proxectar Galicia e a súa cultura "ao mundo".

Así o manifestou a deputada do PP Carmen Pomar, encargada de defender a postura do grupo maioritario durante o debate dunha iniciativa do BNG que reclama a retirada do anteproxecto aprobado pola Xunta en xullo e que superou o período de alegacións durante o mes de agosto.

O texto, que será votado e, previsiblmente, toparase co 'non' este mércores do PP, rexeita a reformulación do marco lexislativo dos medios públicos de Galicia ao entender, en palabras da deputada nacionalista Olalla Rodil, que supón un "enorme retroceso democrático", un "asalto" á CRTVG e un "ataque directo aos dereitos lingüísticos".

"Deixen de arrastrar a CRTVG polo chan, porque non lle pertence a ninguén", aseverou Rodil na súa primeira quenda de palabra, no que censurou o que interpreta por un intento do PP de pór os medios públicos galegos "non xa ao servizo dun goberno, senón ao servizo dun partido" ao "eliminar" os mecanismos legais recollidos na anterior lei, aprobada hai unha década e que, segundo Rodil, "nunca se cumpriu".

Segundo Rodil, ao PP "como non lle chegaba con incumprir" a lei de medios "durante o últimos dez anos" pretende agora "facerse sen caretas co control da CRTVG" a través dunha reforma lexislativa que "roza o inadmisible" e topouse co rexeitamento de colectivos como a Mesa Audiovisual de Galicia, que aglutina ás principais organizacións de profesionais do sector.

Fronte a iso, a deputada popular defendeu que a reforma pretende adaptar un marco normativo para os medios públicos que se quedou "obsoleto" polos cambios nas directivas europeas e estatais e no propio sector audiviosual desde a perspectiva dos consumos, os produtos ou as demandas do público.

Tras incidir en que o texto "nin sequera foi rexistrado no Parlamento", Pomar acusou aos nacionalistas e socialistas de "no canto de afrontar o debate" sobre a adaptación da CRTVG á nova realidade do sector decidan activar "a máquina do lodo" con "mentiras" sobre a falta de independencia ou o mecanismo de elección do director do ente público.

Sobre isto último, relativo á rebaixa do apoio parlamentario necesario para elixir o director xeral da CRTVG e que abre a porta a que este poida ser designado coa maioría absoluta que actualmente ten o Partido Popular no Pazo do Hórreo, a deputada do PP defendeu que os cambios reforzan "a transparencia" na elección.

En canto á flexibilización doutros idiomas, Pomar remarcou que o galego "é a principal razón de ser da CRTVG" e que "o seguirá sendo por moito tempo", aínda que afirmou que permitir o uso de emisións en castelán ou inglés axudará a facer "chegar" a xente "de todo o mundo" a "cultura de Galicia".

Fronte a este argumento, e xa na quenda de peche do debate, Olalla Rodil lembrou que os últimos premios internacionais e nacionais en áreas como a literatura, o cinema ou a música cultivados pola cultura galega déronse en produtos e creacións na lingua propia de Galicia. "Un pouco máis de quererse, señores do Partido Popular", apostilou a deputada nacionalista.

Por parte do PSdeG tomou a palabra a deputada Carme Rodríguez Dacosta, quen sentenciou que, de saír adiante a reforma, producirase unha "diminución ata límites insospeitados" da independencia dos medios públicos galegos.

Así, tamén puxo o foco no rexeitamento xerado por un texto no que "non se tivo en conta" a opinión dos traballadores, organizacións do sector, partidos, sindicativos ou colectivos e institucións en defensa da lingua e cultura de Galicia.

Por último, Armando Ojea (Democracia Ourensá) incidiu en que "o lóxico" é que un medio de comunicación "non dependa" do Executivo, máxime cando se trata dun medio de carácter público que, ao seu xuízo, "non debería funcionar" nas mesmas coordenadas e perseguir os mesmos obxectivos que uno de carácter privado.

Hemiciclo galego /  Europa Press - Arquivo / Europa Press
Hemiciclo galego / Europa Press - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

Grazas á internet tod@s podemos comparar a política lingüística dos anunciantes máis importantes cando contratan coa TV3 ou ETB, e cando o fan coa TVG. A tv galega leva décadas a incumprir os seus estatutos. Esta norma translada á pantalla o trilingüismo fantástico da educación.

1 fer

xente hai que entender cos tertulianos politicos que gustan ao pp non falan o galego moi aló e se queren metelos na galega pois claro algo habia que facer.