O BNG esixe un estudo de demanda do servizo ferroviario do Eixo Atántico para dar resposta ás deficiencias actuais

"Unha análise da demanda no Eixo Atlñantico permitiría planificar e mellorar a oferta de servizos para dar resposta ás necesidades tantas veces manifestadas polas persoas usuarias do tren en Galicia", sinalou Néstor Rego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2024 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, esixiu incluír o Eixo Atlántico no estudo de demanda do servizo ferroviario nos corredores de alta velocidade anunciado por Adif, para que o Goberno "planifique e mellore a oferta de servizos en Galicia". Tras o anuncio de Adif sobre a elaboración dun estudo de mercado deses traxectos a e desde Galicia e Asturias, o BNG advertiu da necesidade de apostar verdadeiramente polo ferrocarril en Galicia e de ampliar e reforzar as frecuencias nas franxas con alta demanda. Con respecto ás mercadorías, a organización nacionalista criticou que só se inclúa a liña León-Asturias.

"Unha análise da demanda no Eixo Atlñantico permitiría planificar e mellorar a oferta de servizos para dar resposta ás necesidades tantas veces manifestadas polas persoas usuarias do tren en Galicia", sinalou Rego, que apuntou que o Ministerio de Transportes coñece esas demandas de reforzar os trens á primeira hora da mañá, ao mediodía e pola tarde, e a necesidade de ofrecer máis prazas, algo que "non pode quedar en trens de dobre composición só para os días de alta demanda".

O BNG avogou por unha planificación xeral que supere os "remendos" que se están aplicando actualmente en situacións puntuais, polo que insistiu na importancia de facer ese estudo de demanda que "desvelaría as necesidades de mobilidade" dos galegos e identificaría as deficiencias no Eixo Atlántico para poder darlles resposta.

O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego
O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta