Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 07/08/2024 | Actualizada ás 11:15
A poboación galega sitúase en 2.706.953 habitantes a 1 de xullo de 2024, o que supón nove residentes máis que no primeiro trimestre e 6.322 máis na comparativa co segundo trimestre de 2023, segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) este mércores. Do total, 2.545.549 residentes son de nacionalidade española e 161.404 estranxeiros. Na comparación cun ano antes obsérvase unha caída de 8.375 persoas con nacionalidade española, o que contrasta co incremento de 14.697 habitantes estranxeiros, quen supoñen o aumento de poboación que vive Galicia.
Por sexos, a poboación galega repártese entre 1.404.359 mulleres e 1.302.594 homes. Por provincias, hai os seguintes habitantes: A Coruña, 1.130.238 (5.158 máis que un ano antes); Pontevedra, 947.957 (1.089 máis); Lugo, 324.520 (81 máis); Ourense, 304.238 (único descenso, con seis persoas menos).
Na comparativa intertrimestral, a taxa galega (do 0 %) está entre os peores datos do país, só por encima dos tres descensos de Castela e León (-0,03 %), Andalucía (-0,03 %) e Estremadura (-0,05 %). A poboación residente en España aumentou en 67.367 persoas no segundo trimestre e situouse en 48.797.875 habitantes a 1 de xullo de 2024. É o valor máximo da serie histórica. En termos anuais, o crecemento poboacional estimado foi de 415.369 persoas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.