Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 07/08/2024 | Actualizada ás 12:19
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratificou a sentenza dun Xulgado do Social de Pontevedra na que se considera improcedente o despedimento dun traballador do Casino da Toxa, tamén concelleiro no Grove, ao que a empresa puxo un detective para tratar de demostrar que unha baixa era fraudulenta.
En concreto, a sentenza afirma que non hai "nin tan sequera un indicio de sospeita" de que esta baixa fose falsa, "máis aló das elucubracións" da empresa, á vez que apunta que só quedou acreditado que durante o período de baixa o home participou nun pleno municipal, repartiu propaganda un día e xogou á petanca cuns veciños, pero sen tomar parte na campaña electoral que se estaba desenvolvendo.
Os feitos remóntanse ao ano 2023, cando o home recibiu unha carta de despedimento do Casino da Toja, onde traballaba como croupier. Na mesma, a empresa alegaba que se abriu un expediente disciplinario por mor das indagacións dun detective que contrataran para seguir ao traballador no período de baixa.
Segundo consta no escrito, o home solicitara á empresa un permiso para non asistir ao traballo durante a campaña electoral das últimas municipais, nas que concorría, algo que lle foi denegado. Con posterioridade, entregou unha baixa laboral que o mantivo nesta situación ata o mes de xullo.
A empresa, consta na carta de despedimento, considerou que "dita forma de actuar, é dicir, unha baixa laboral inmediata á negativa ao permiso solicitado" causou "sospeitas", polo que "se decidiu proceder a unha investigación ao obxecto de determinar e comprobar as actividades que veu realizando".
No texto describen, con días e horas, supostas participacións do home en mitins e actos electorais, momentos con veciños, repartición de camisetas, participación en ceas e unha intervención no pleno municipal, o que consideran que indica que a baixa era "fraudulenta". "Se podía repartir panfletos electorais, igualmente podía repartir cartas no casino", asevera o texto.
Con todo, o TSXG, como xa fixo no seu momento o Xulgado do Social, rexeita esta argumentación e apunta que non hai base sólida para considera que a baixa, por un "trastorno ansioso depresivo", era fraudulenta, tendo en conta que fora prescrita por un facultativo do Sergas que "lle recomendou contacto social e realización de actividades deportivas como parte do tratamento".
Ademais, considera o tribunal que non está probado que o home participase na campaña electoral, se non que a recorrente "só demostrou" unha votación nun pleno municipal na que, ademais, o home informou previamente "de que estaba de baixa". O xogo á petanca con veciños e a participación nunha repartición de propaganda nun mercadillo, sinala, "non configura unha fraude" e "nin tan sequera crea un indicio de sospeita".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.