Guerra de xuíces e avogados polo caso Besteiro

De Lara di que a defensa do secretario xeral do PSdeG usa "argucias procesuais" para apartala do caso e este négao e anuncia que tomará medidas contra a maxistrada.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 10/12/2015 | Actualizada ás 21:41

Comparte esta noticia

O caso Garañón é xa o caso xudicial do ano en Galicia, polas consecuencias políticas que pode ter e, agora tamén, polas consecuencias xudiciais. A titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara, que é a que instrúe este proceso remitiu á Audiencia Provincial  un duro escrito no que non deixa moi ben parado ao avogado defensor do secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, Cándido Conde Pumpido, do que di, que usa "argucias procesuais" para tratar de apartala da causa.

O avogdo Cándido Conde-Pumpido, defensor de José Ramón Besteiro
O avogdo Cándido Conde-Pumpido, defensor de José Ramón Besteiro | Fonte: youtube.com

No informe que remitiu á Audiencia Provincial para defender a súa competencia no caso, Pilar de Lara tamén aprecia a "falta de calquera clase de sustento e fundamentación xurídica na cuestión de competencia exposta, tanto desde o punto de vista formal, como material", polo que, tería que "comportar a súa inadmisión de plano".

Segundo o seu criterio, apréciase unha "teimosía procesual" por parte dos letrados que se fixeron cargo da representación do secretario xeral dos socialistas galegos, porque utilizan "meras manobras procesuais" para tratar de "subtraer a lexítima competencia desta instrutora no coñecemento da causa".

De feito, afirma que se trata dun "intento, cando menos fraudulento", para subtraerlle a competencia sobre a causa do chamado caso Garañón, mediante o "recurso a argucias e artimañas procesuais que puidesen ir máis aló do que é o abuso de dereito e a mala fe procesual", ademais de incorrer nunha "vulneración flagrante do dereito ao xuíz ordinario predeterminado pola lei". “Non existe ningunha clase de obstinación nin teimosía para a tramitación da causa e a investigación dos feitos pola súa banda, como pretende facer ver a defensa de Gómez Besteiro”, engade.

“A defensa actual de Gómez Besteiro incorre na utilización fraudulenta e abusiva desta canle procesual e emprega argucias procesuais para introducir por esta vía cuestiones que nada teñen que ver coa competencia" con argumentos que non se corresponden coa realidade procesual para inducir a erro á propia Audiencia”, sinala.

Pilar de Lara, instructora do caso Pokemon
Pilar de Lara, instructora do caso Pokemon

Conde-Pumpido deféndese

Pola súa banda, Cándido Conde-Pumpido, negou estas acusacións e lamentou que de Lara informase á Audiencia Provincial da existencia dun correo electrónico remitido por este letrado no que supostamente lle di que "vaia con pés de chumbo" nas súas investigacións.

Conde-Pumpido recriminou a utilización "de forma nesgada" de comunicacións, por outro asunto, "persoais e privadas ocorridas nun ambiente de cordialidade, moito antes de que este letrado asumise a defensa do señor Gómez Besteiro" e dixo que a xuíza recorre a esta vía como "forma de combater un incidente procesual actual realizado no lexítimo dereito de defensa do seu cliente".

O avogado, na nota, nega tallantemente as acusacións e calquera ilícito penal que se lle achaque, á parte de manifestar que exercerá accións en defensa da honra contra "calquera que lle atribúa a comisión dun delito de forma inxustificada". “Non houbo unha relación privada, confidencial e persoal establecida coa maxistrada de forma moi anterior á asunción da defensa de Gómez Besteiro e destaca que esta foi bastante máis ampla que o que de forma nesgada a maxistrada introduciu", indicou.

Por iso, pedirá de forma "inmediata" a recusación de Pilar De Lara "que demostrou un desmedido interese" por seguir "tramitando unha causa" na que ao seu xuízo non ten competencia, así como un "ánimo" de causar o maior "dano posible" ao PSOE en plena campaña electoral. Ademais, lembra que o seu home é un destacado dirixente do PP.  "Dada a animadversión demostrada pola maxistrada a este letrado, non respectando nin tan sequera as normas básicas de educación, así como propondo a iniciación de accións penais", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta