Por Galicia Confidencial | Arzúa | 24/08/2024 | Actualizada ás 10:00
O Concello de Arzúa celebrará un fito na súa oferta turística coa inauguración da súa primeira liña de Bus Turístico, deseñada para facilitar o acceso a algunhas das localizacións máis emblemáticas do concello.
O servizo, que operará os mércores e xoves de 17:30 a 19:30 h, comezará coa visita ás impresionantes Fervenzas das Hortas, onde se realizará unha pequena andaina ata baixar á fervenza. A ruta continuará pola contorna do Encoro de Portodemouros, ofrecendo vistas panorámicas e a oportunidade de aprezar a beleza do encoro. A última parada será no Enredo do Abelleiro, un museo vivinte dedicado ao mundo da apicultura, onde os visitantes recibirán unha visita guiada polo interior e exterior do museo.
Os tickets para o Bus Turístico están dispoñibles ata completar aforo e poden ser reservados na oficina de turismo de Arzúa, que será o lugar de partida e chegada do bus. O prezo do ticket é de 3 €, que inclúe a entrada ao museo vivinte do mel.
Durante todo o percorrido, os pasaxeiros contarán coa compañía dun guía turístico no autobús, que enriquecerá a experiencia con información detallada sobre cada localización.
Begoña Balado, concelleira de Turismo, destaca a importancia deste novo servizo para a comunidade: “Esta liña de bus turístico non só ofrece unha nova maneira de explorar Arzúa e os seus tesouros ocultos, senón que tamén pon en valor a nosa rica herdanza natural e cultural. Está destinado non só a peregrinos e turistas, senón tamén á poboación local de Arzúa, facilitando así o acceso a lugares significativos da nosa área”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.