Por Galicia Confidencial | Aranga | 11/12/2015 | Actualizada ás 13:32
Unha crítica á actualidade social. Así é o Belén representado na capela de San Antonio de Momán, en Aranga, que, coma nos últimos anos baixo o impulso do párroco Luís Ángel Rodríguez Patiño, pretende recordar “unha realidade que moitas persoas viven na actualidade”.
Para iso, a representación do nacemento chairego recolle a falta de vivenda digna, os habituais desafiuzados, a corrupción, os baixos salarios fronte aos elevados impostos ou a situación dos refuxiados, entre outros aspectos da actualidade. De feito, o portal de Momán foi desafiuzado para construír vivendas de luxo patrocinadas por corruptos que só buscan os seus beneficios e María refuxiase nunha tenda de campaña da montaña á beira do río que foi desviado do seu curso cara ás vivendas de luxo.
“Isto provoca que as granxas e pastos se queden sen auga instando aos gandeiros e agricultores a pechar ante esta dificultade e a da baixada dos prezos do leite. Igualmente, tendas e panaderías vense abocadas ao peche debido aos elevados impostos que deben soportar”, contan con ironía desde a parroquia sobre este particular Belén.
Papá Noel, simbolizando a ilusión e a esperanza do pobo, é encerrado nunha cárcere; pero non a mesma que a dos corruptos e estafadores, máis luxosa e con maiores servizos. Ao seu favor atópase o rei Herodes que se sente ameazado polo Mesías e salvador do pobo que protesta nun escrache xunto a outros cidadáns e cidadás –entre os que se atopa San Xosé- fronte ao palacio reclamando unha vivenda digna. Ademais, os Reis Magos son vetados na cidade. Só poden pasar Melchor e Gaspar, pero non Baltasar nin os seu paxes que son relegados a un “campo de concentración” xunto a outros “refuxiados”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.