Galicia incrementará o control sobre a mpox e tamén as medidas de información

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, confirmou que Galicia está a intensificar a vixilancia epidemiolóxica de mpox, así como o seu control e prevención primaria a través da vacinación dos contactos estreitos e grupos de risco

Por Europa Press / Redacción | Santiago | 21/08/2024 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

Galicia acordou, xunto ao resto de comunidades autónomas e ao Ministerio de Sanidade, no marco da Comisión de Saúde Pública, reforzar a información e as medidas para a detección e control das vexigas do mono (mpox).

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, confirmou que Galicia está a intensificar a vixilancia epidemiolóxica de mpox, así como o seu control e prevención primaria a través da vacinación dos contactos estreitos e grupos de risco.

Nun comunicado apuntan que a Consellería de Sanidade vacinou a 1.420 persoas, das que 871 completaron a pauta con dúas dose. Neste sentido, comezouse a recaptar ás 549 que contan só cunha dose para proceder á administración da segunda.

Precisamente sobre vacinación, a directora xeral requiriu información ao Ministerio sobre as vacinas dispoñibles e cando as recibirían as comunidades autónomas.

Outra solicitude do Goberno galego á que accedeu Sanidade é a de informar sobre as vexigas do mono nos lugares onde se reciben viaxeiros, como é o caso dos aeroportos.

A Administración galega puxo en marcha tamén a intesificación da información a profesionais e a cidadáns. Os centros de vacinación internacional dos hospitais galegos, especialmente no caso de viaxeiros a zonas afectadas polas vexigas, farán unha avaliación do risco, caso por caso, segundo o tipo de viaxe para realizar as recomendacións oportunas sobre a enfermidade.

Ademais, a Xunta reforzou a capacidade diagnóstica para incluír a identificación de clados desta enfermidade nos casos confirmados co obxectivo de caracterizalos e detectar posibles cambios na dinámica do virus.

Por último, a Dirección Xeral de Saúde Pública transmite tranquilidade á cidadanía galega, "xa que na nosa comunidade só foron detectados seis casos de mpox no que vai de ano".

NON SE VACINARÁ A TODOS OS VIAXEIROS DE PAÍSES CON MPOX

O Ministerio de Sanidade comunicou que non se vacinará ao 100% dos viaxeiros que acudan a países con casos mpox -anteriormetne vexigas do mono-, tal e como se acordou este mércores tras a reunión da Comisión de Saúde Pública na que se analizou coas comunidades a situación do novo brote en España.

Así, Sanidade informou de que polo momento se están terminado de definir os grupos concretos de viaxeiros que se lles ofrecerá a vacina en función da viaxe e as características persoais.

Durante o encontro tamén se acordou que se manteña a estratexia de vacinación aos grupos de risco: persoas que realicen prácticas sexuais de risco ou persoas con risco ocupacional, como o traballo en consultas de ITS, que manexen mostras de laboratorio de mpox ou que limpen lugares onde se realizaron prácticas sexuais de risco.

Neste sentido, o Ministerio de Sanidade recalcou que "actualmente hai stock de doses suficientes, ademais, pódese contar coas que se atopan na reserva estratéxica". Tras a reunión, tamén se mantén a intención de traballar en orixe coa doazón de dose aos países afectados, que, segundo Sanidade, é a principal prioridade para o control da emerxencia de saúde pública internacional.

Por último, a Comisión de Saúde Pública decidiu que se reforzarán as medidas para a detección e control do mpox coa vixilancia dos novos clados.

Vexiga do mono /  AXENCIA DE SEGURIDADE SANITARIA DO REINO UNIDO / Europa Press
Vexiga do mono / AXENCIA DE SEGURIDADE SANITARIA DO REINO UNIDO / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta