Por Galicia Confidencial | Lugo | 11/12/2015 | Actualizada ás 20:20
A xuíza Pilar de Lara seguirá investigando ao líder do PSdeG, José Ramón Besteiro, A Fiscalía Provincial de Lugo rexeitou a cuestión de competencia que fora exposta polo seu avogado Cándido Conde-Pumpido, no chamado Caso Garañón.
Na súa argumentación, a Fiscalía sostén que debería ser rexeitado "de plano" o recurso "sen necesidade de entrar no fondo do asunto", posto que considera que a canle utilizada "é manifestamente improcedente". O avogado invoca o artigo 23 da Lei de Enxuizamento Criminal, un precepto que segundo o fiscal ten un carácter extraordinario, case inédito na práctica e aplicable á cuestión suscitada.
O Ministerio Público sinala, ademais, nas súas conclusións, "que non estamos ante unha cuestión de competencia obxectiva" e descarta as argumentacións expostas polo promotor do recurso posto que, ou ben non se corresponden coa realidade do contido das actuacións, ou ben "carecen de fundamento legal que as apoie".
A xuíza de Lara achácalle a Gómez Besteiro a suposta comisión dos delitos de tráfico de influencias, prevaricación, suborno e contra a ordenación do territorio.
Este caso está xerando numeroso malestar político e xudicial. Este mesmo xoves, o avogado Conde-Pumpido anunciaba medidas legais contra a xuíza tras filtrarse un correo persoal entre ambos no que, supostamente, a convidaba a abandonar as causas políticas que estaba levando.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.