Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2024 | Actualizada ás 15:00
Sanidade recalcou este xoves que a nova base da ambulancia medicalizada do Salnés estará lista en setembro, nunha nova xornada na que o BNG reafirmou as súas críticas polo traslado deste medio de emerxencias a Sanxenxo e acusou ao Goberno galego de "seguir instalado na mentira" no canto de atender "os problemas graves da sanidade" dos galegos.
A deputada do BNG Montse Prado xa reprobou este martes o traslado en período estival a Sanxenxo da ambulancia SVA (soporte vital avanzado) con base habitual no hospital do Salnés no canto de reforzar con medios engadidos a atención de urxencias na devandita localidade. Na súa intervención, a parlamentaria denunciou que a ambulancia medicalizada non regresaría ao Salnés "ata outubro".
En fronte, o Goberno galego respondeu ese mesmo martes ao BNG e emprazou aos nacionalistas a "informarse" antes de lanzar "falsas acusacións e informacións que non responden á realidade". Deste xeito, asegurou que que a ambulancia medicalizada desprazada a Sanxenxo volvería ao Salnés en setembro "como vén sendo habitual".
Con todo, nunha nota de prensa difundida este xoves, os nacionalistas aseguran que o 061 enviou un comunicado á empresa concesionaria desta ambulancia SVA con base no Salnés no que confirma que esta "permanecerá" en Sanxenxo "durante dous meses máis". "Por tanto, nin falsas acusacións nin desinformación por parte do BNG, senón que é o Partido Popular o que pretende enganar aos veciños", sinalou Montse Prado, quen insistiu na idea de que "non ten ningunha xustificación" trasladar a ambulancia a Sanxenxo durante o verán, e "moito menos" prolongar a situación ata outubro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.